Sobre María Casares

Ramón Nicolás

FUGAS

Imagen hecha por Siro sobre María Casares
Imagen hecha por Siro sobre María Casares cedida

30 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa uns meses recibín o extraordinario catálogo editado polo Concello da Coruña da exposición María Casares, actriz océano. Itinerario vital dunha exiliada, que acolleu o Kiosco Alfonso e que foi comisariada con brillantez por María Lopo ao celebrarse este ano o centenario do nacemento desta extraordinaria actriz.

Ao fío das publicacións que se suceden sobre María Casares cómpre deterse neste María Casares fronte ao espello, que subscribe a actriz e investigadora Sabela Hermida. Un volume que entendo como necesario e que ha contribuír a difundir o perfil biográfico e profesional da actriz —entre outras afirmacións, escribiu no seu libro de memorias Residente privilexiada (1980) que «a terra da que estou feita é Galicia» como perenne evocación da patria da súa infancia que sempre levou consigo— e, sen dúbida, a afondar no concepto do desterro grazas á memoria do exilio republicano.

Prologado por Miguel Anxo Fernán-Vello, o editor e poeta xa destaca o perfil da ensaísta como unha das investigadoras máis relevantes no ámbito europeo e internacional sobre a actriz galega, doutorada ademais cun traballo no que vinculou a práctica teatral de Casares co existencialismo francés. Velaí como este libro atravesa con rigor, documentación e precisión a súa experiencia vital mais supón, ao mesmo tempo, unha oportunidade de asomarse á súa propia evolución artística, reflectida nunha práctica dramática influída tanto pola devandita corrente existencialista francesa como pola experiencia innegable do exilio.

En definitiva, o traballo de Sabela Hermida goza, afortunadamente, de diversos niveis de lectura que o enriquecen. Deste xeito articúlase como un libro operativo para as persoas que desexan achegarse ao itinerario persoal e máis íntimo da actriz —onde resulta emocionante a pasaxe que repara na importancia do seu encontro cos exiliados galegos na Arxentina e, nomeadamente con Virxinia Pereira, viúva de Castelao— mais tamén é un libro que revela con brillantez as liñas axiais da súa práctica dramática pois, non en van, este é un propósito confesado que percorre todas as páxinas: que María Casares fale desde o seu «eu» de actriz. Un e outro obxectivo conséguense con verdadeira solidez.