Quen é quen no WOS festival

FUGAS

Non é doado ter referencias dos artistas que conforman o cartel do WOS Festival, que esta fin de semana se celebra en Santiago, así que lle pedimos ao seu director que nolos presente

09 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Incluso aqueles que seguimos de preto a información musical temos dificultades para identificar a boa parte dos artistas que participan no WOS, considerado un dos festivais europeos de referencia na escena da electrónica e das músicas de vangarda. Así que en lugar de replicar unha sucesión de nomes que pouco che ían dicir, pedímoslle ao seu director, Iván Arias, que nos fixese unha selección e que nolos presentase persoalmente. Isto foi o que nos contou.

1. AHO SSAN & KMRU

Sábado, 21.30 | Teatro Principal.

Aho Ssan é un artista francés e KMRU, un dos grandes referentes mundiais do ambient, é keniata. Xuntáronse o ano pasado para facer unha residencia artística en Berlín e desa colaboración xurdiu un álbum, Limen. Preséntano por primeira vez en España en formato de concerto audiovisual.

2. AQUARIAN

Sábado, 02.00 | Sala Capitol.

É un músico canadense afincado en Berlín. É un artista que está nun momento moi doce, a piques de se converter nun hype. Vén a presentar Ourobros, nun concerto no que tamén contará cos visuais da artista china Sougwen. Aquarian vén de publicar dous discos no selo Dekmantel, que é a discográfica do festival de electrónica referente a nivel mundial. É música máis techno, máis orientada á pista de baile.

3. BLACKHAIN

Sábado, 01.00 | Sala Capitol

Aquí si que estamos a falar do hype do momento nesta escena. Un rapeiro de Manchester que vén por primeira vez a España, pero que vai estar, seguro, nos principais festivais de música electrónica e contemporánea. De feito, vén de actuar en Tresor 31, en Berlín e xa estivo no Rewire Festival, en Holanda. Estou seguro de que vai poñer a Capitol patas arriba.

4. CATERINA BARBIERI 

Sábado, 20.15 | Auditorio Abanca

É a cabeza de cartel. O seu anterior álbum foi disco do ano para toda a prensa especializada e agora vén para presentar o seu novo traballo, Spirit exit, tamén cun concerto audiovisual, para o que conta con Marcel Weber (MFO), un dos artistas visuais máis recoñecidos a nivel mundial e director de iluminación dos dous mellores festivais de Europa desta escena.

5. GRAND RIVER & MARCO CICERI

Domingo, 20.00 | Teatro Principal

É o concerto de clausura do festival e é outra estrea en España. Grand River reside en Berlín. É a segunda vez na súa vida que se aventura cun concerto audiovisual, que preparou a fondo con Marco Ciceri. É unha artista moi nova, pero está chamada a ser un dos grandes nomes do ambient a nivel mundial nos vindeiros anos.

6. HUERCO S.

Sábado, 23.00 | Sala Capitol

É o proxecto de Brian Leeds. O seu anterior álbum, For Those of You Who Have Never, está considerado un dos mellores 50 discos de ambient da historia. Vén ao WOS para presentar por primeira vez o que para min é o meu disco preferido deste ano, Plonk. É un artista que normalmente fai sets como DJ. É moi, moi raro velo facer un live. De feito, hai xente que vén dende Madrid e Barcelona só por este concerto.

7. MAD MIRAN

Venres, 03.00 | Sala Malatesta

É unha DJ holandesa que acaba de pechar o Dekmantel, o festival de DJ con máis prestixio do mundo, e no que foi escollida entre os 5 highlights desta edición. É unha DJ moi nova, pero cunha cultura musical incrible. Toda a comunidade da electrónica está agora mesmo falando dela. É unha desas DJ que o ano que vén é moi probable que xa non a puidésemos contratar.

8. RAFAEL ANTON IRISARRI & FLORENCE TO

Venres, 20.30 | Teatro Principal

Irisarri é un músico neoiorquino e un dos produtores e masterizadores máis importantes daquela cidade. Xa estivo no WOS actuando na igrexa da Universidade e manteño moi boa relación con el. Así que lle propuxen facer un concerto especial e diferente, comisariado por min mesmo. Puxémonos en contacto coa artista visual Florence To, que reside en Hong Kong, porque entendiamos os dous que podía encaixar na proposta, e ela aceptou encantada. Así que será unha estrea mundial no WOS dun concerto que despois se vai facer en Londres, en Berlín, en Nova York... Estoulles moi agradecido aos dous por darnos este agasallo.

9. UPSAMMY

Sábado, 03.00 | Sala Capitol

É outra DJ holandesa da nova escola. Este é un DJ set máis arriscado en tanto que Upsammy está afeita a pinchar a baixos bpms. Eu agardo con expectación este set porque sei que é unha DJ que arrisca moito. Teño curiosidade por ver como se vai manexar para, despois de Aquarian, que vai ser a moita velocidade, baixar revolucións, parar a pista e facer unha sesión in crescendo para volver a colocar á xente aí arriba.