Estes son os «bestsellers» galegos do verán

FUGAS

Domingo Villar encabeza unha listaxe na que, ademais das obras de xénero policial, destacan
os poemarios de Yolanda Castaño e Manuel Rivas

02 sep 2022 . Actualizado a las 14:02 h.

Os lectores non esquecen a Domingo Villar. Quéreno, aloumíñano e seguen a buscalo na súa obra. Se o escritor galego xa era un supervendas antes da súa inesperada morte en maio deste ano, neste verán volve ser noticia como o autor máis reclamado. Así o confirman libreiras como Esther Gómez, de Moito Conto, ou Adriana Otero, de Cronopios, pero tamén o seu editor en Galaxia, Francisco Castro, que insiste en que a el non o colle por sorpresa. «Domingo é un clásico, xa o era antes da súa desgraciada perda e seguirá sendo así. O libro máis vendido o ano pasado na nosa editorial foi Algúns contos completos, e estou seguro de que este ano, cando remate, será igual», engade Castro, que non deixa de asociar tamén o verán ao éxito de todas as novelas policiais. Os libros de Villar, Ollos de auga, A praia dos afogados e O último barco responden á querenza dos lectores —subliñan tamén Esther Gómez e Adriana Otero—, que encontran neste autor boas historias ambientadas sempre en Galicia. «Quen non coñecía algún libro de Villar, veu á librería buscándoo», explica Adriana desde Cronopios que, como Francisco Castro, apunta a Arantza Portabales como outra das autoras máis demandas neste xénero.

  «O público de novela negra é moi fiel e en canto un escritor saca algunha obra, os lectores van detrás. O feito de que Portabales publicase Sobreviviendo en castelán fixo que algunha xente decidise ler Sobrevindo en galego, que foi a súa primeira novela, antes de Beleza vermella, outro dos libros máis vendidos dela, ou A vida secreta de Úrsula Bas, o seu éxito máis recente». Sen dúbida, o pulo dos premios é outra das bombas de osíxeno que fan despegar as vendas dalgúns libros. Virtudes (e misterios), de Xesús Fraga, galardoado este ano co Premio Nacional de Narrativa destaca como outro dos supervendas desta temporada cunha obra que tamén funciona polo boca a boca. «O libro foi unha das nosas grandes apostas, recomendámolo moito en canto saíu —explica Esther Gómez— e cando Xesús recibiu o premio confirmou que estabamos no certo, é un libro dunha altísima calidade».

Fran Alonso, director de Xerais, confirma a boa forma das obras en galego e subliña o fenómeno de Ledicia Costas, que con Golpes de luz, unha novela chea de humor sobre os secretos que marcan a vida de tres xeracións, está no máis alto. Sen esquecer outra das sorpresas do verán, que tamén destaca Adriana Otero: o ensaio de Carlos Callón O libro negro da lingua galega. «Tivemos que reeditalo a toda velocidade porque se esgotou ao pouco tempo de saír», revela Fran Alonso. Para el, como para a libreira de Cronopios, o que engancha desta obra é o anecdotario que pon de manifesto a situación que viviu o galego desde mediados do século XV ata 1985. «Non é unha obra só para lingüistas», conclúe Adriana.

Se a novela policial ten os seus fieis, a poesía racha coas estatísticas, porque dous libros, Materia, de Yolanda Castaño, e O que fica fóra, de Manuel Rivas, son dous dos bestsellers do verán, que confirman tanto desde as librerías como desde as editoriais. «O poemario de Yolanda esgotouse na Feira do Libro da Coruña —sinala Esther Gómez— e xa desde a súa presentación aquí, na librería, tivo moi boa resposta. Igual que o libro de Manolo, que ten unha edición magnífica». Antía Yáñez, coa súa obra Non penses nun elefante rosa, é outra das autoras máis sobresaíntes este ano, cunha historia na que narra o trastorno obsesivo compulsivo da súa protagonista, cunha forma de narrar moi directa e moi fresca que ten moitos seguidores.

Francisco Castro confirma as boas cifras do libro galego, pero matiza que aínda que é certo que venden máis obras que antes da pandemia, pérdense falantes, polo que cada vez hai menos xente que empregue o galego: «Este é un dato moi preocupante porque o negocio cultural vai ligado inevitablemente á lingua e o mercado mingua ao non haber transmisión xeracional». Non obstante, Adriana Otero, desde Cronopios, constata que os lectores máis novos escollen tanto galego como castelán indistintamente, sen poñerlle peros á nosa lingua. E é precisamente entre os nenos e o público xuvenil onde desde a librería Moito Conto destacan obras supervendas. É o caso de Chuvisca, de Kalandraka, ou da obra de Berta Dávila Un elefante na sala de estar e A ladroa da biblioteca de Meirás, de Eva Mejuto. Que siga a boa racha!