Palabras que respiran

Ramón Nicolás FUGAS

FUGAS

29 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Natalia Ginzburg (1916-1991) nacida no seo dunha ampla familia italiana, fora inscrita co apelido Levi de ascendencia xudía e cambiouno polo do seu marido, Leone Ginzburg, director da editorial Einaudi e asasinado pola Gestapo en 1943. Xustamente articula aquí un exercicio de memoria «familiar» inspirada, en primeira instancia, no léxico, isto é, naquelas palabras que, ao recrealas naquel contexto en que se pronunciaban, traen canda si unha fervenza de evocacións e posibilitan aprehender o pasado. As palabras deste libro respiran, asócianse entre elas para construír un artefacto que probablemente sexa autobiografía ou, se se quer, libro de memorias ou mesmo autoficción. Talvez, mais cómpre advertir que a perspectiva que o domina queda explícita da man da voz narrativa cando sinala que bebe de feitos reais malia saber que se lerá como unha novela e, xa que logo, arroupa a proposta cos trazos canónicos do xénero.

Ginzburg, neste Léxico familiar publicado o no ano 1963 e galardoado co premio Strega, manéxase con mestría cando recorre ás posibilidades literarias que encerra recorrer á memoria afectiva e está cruzado, así pois, polas atmosferas domésticas e íntimas dunha familia italiana entre os anos trinta e cincuenta. Unha familia xudía e antifascista da que se relata a súa vida cotiá, repárase nos membros que a constitúen, onde non faltan veciños, amigos e amigas, e tamén políticos e intelectuais da época, que entran e saen nesta cartografía íntima sen deixar pasar a ocasión para reflectir a conxuntura política e social duns anos convulsos que retrata con precisión grazas a unha querenza polo detalle moi caracterizadora da súa prosa. Situada nese xusto punto medio que abraza a contención, sen deixarse levar pola deriva dramática, axota os sentimentalismos cando se detén por exemplo no suicidio de Pavese ou na morte do seu marido.

En definitiva, velaquí unha proposta na que, sobre todo, a recuperación das palabras, a revelación da súa exacta dimensión semántica, supón un elo coa propia identidade e coa experiencia vital da autora que, no fondo, ocupa un segundo plano para fotografar tempos e vidas, por certo, nunha tradución brillante a cargo de María Alonso Seisdedos.