Xosé Lois Ripalda: «Galicia ten tres grandes mulleres de armas tomar, unha é Pepa Loba»

FUGAS

Oscar Vázquez

O etnógrafo, autor de «Pepa Loba, entre a historia e a lenda», non entende «a que vén o de poñer en dúbida» a existencia da bandoleira galega

01 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pepa Loba vive envolta pola bruma da lenda, pero hai unha persoa tras esa bandoleira do XIX, vingadora da muller e do agro galego, na que invita a pescudar, entre cantigas, Xosé Lois Ripalda (Erbedeiro, Carballedo, 1940) en Pepa Loba, entre a historia e a lenda, que dedica «a todas as mulleres que sufriron e están a sufrir a discriminación, a incomprensión e a violencia». Coas cantigas e as historias orais, o escritor e etnógrafo cociña un novo relato sobre unha «muller de armas tomar que debería ser máis coñecida». 

­—Pepa Loba renaceu como mito. Aínda se cuestiona a súa existencia?

—Non hai testemuños escritos, pero orais hai moitísimos. Non sei a que vén o de poñer en dúbida a súa existencia. É imposible que non existise! Disque Concepción Arenal, visitadora de cárceres, visitou a Pepa no cárcere da Coruña, que foi onde, segundo unha versión, morreu a bandoleira. Pero hai outras versións que me gustan máis, porque que morrera no cárcere non é moi romántico... [risas]

­—Como debemos asaltar este libro, que achega fronte a outros sobre a bandida?

—É unha escrita lineal, que comeza coa infancia de Pepa Loba na aldea de Amoedo e a segue ata a súa desaparición. A pesar da pobreza, a nenez de Pepa foi feliz. Grazas á súa nai, Andrea (a Fulucha), foron para adiante.

—Sinala que Pepa Loba estivo marcada por un feito vital precoz: a brutal violación que sufriu a nai por un antigo noivo.

—A nai foi violada diante dela polo suposto pai de Pepa e iso quedou gravado na rapaza para sempre. Cando a nai morreu desangrada no embarazo que lle provocou a violación, Pepa pasou ao coidado dunha tía, Dorinda, que a explotou polas feiras e a puxo a servir na casa dun tendeiro, que ensinou a Pepa a ler e a tratou como unha filla. O exnoivo da nai, o irmán do tendeiro, matou o tendeiro, pero do crime culparon a Pepa Loba. Foi ao cárcere en Pontevedra. Pero escapou. E aí comeza a bandida...

—Unha «Robin Hood» pioneira na loita polas mulleres (así é cualificada por algúns), mais non a única... 

—Foi unha desas mulleres de armas tomar. Galicia ten tres grandes mulleres de armas tomar. Salvando as diferenzas, unha é María Pita, na Coruña; outra, María Castaña, en Lugo, e Pepa Loba. As tres foron grandes loitadoras da nosa historia. Magdalena Iglesias, tamén foi unha bandoleira do XIX, pero ela non era xusticeira, roubaba para o seu proveito. Pepa Loba perseguiu os violadores, os usureiros, os caciques. Con ela viva hoxe, os maltratadores, os da violencia de xénero, teríano moi mal.

—Menos retórica e máis Pepas Lobas. Por que quixo achegarse vostede a esta figura?

—Mira, voucho contar. Son dunha aldea ao pé do Miño na Ribeira Sacra. Cando era pequeno, cando os nenos faciamos trasnadas, dicíannos: «Como non te portes ben, vai vir Pepa Loba!». Tamén nos metían medo co home do saco e o sacaúntos.

—Como era esa faceta dela de ir de «moinante polas feiras» que recolle?

—Cando a nai dela morreu, pasou a mans da tía Dorinda, que era unha raposeira, pero dela aprendeu cousas, porque, máis ou menos, Dorinda buscaba o ben de Pepa. Ela ensinou a Pepa a ir de moinante polas feiras e despois de santiña polas romarías.

—Que foi o primeiro que fixo como xusticeira Pepa Loba, o primeiro fito que recordar?

—Vingarse do violador da súa nai. Mais foi longa a súa vida delitiva. Na costa non actuou, mais no interior desde O Salnés ata A Limia, desde O Courel ata Tomiño.

—Para coñecer á bandoleira, advirte que hai que comezar por Risco...

—Si, Vicente Risco dicía que Pepa tiña que vivir dez vidas para que todo o que se di dela fose certo.

—Pepa Loba porque se enfrontou cun lobo aos 10 aniños e o matou? Matouno ela ou non?

—É unha das incógnitas sobre a vida de Pepa. A min non me parece que unha nena de 10 anos sexa capaz de matar un lobo, penso que o matou o can, Lueiro. É a miña opinión.

—Ten Pepa Loba vigor como mito feminista actual?

—Hai establecementos que levan o seu nome e grupos como Heredeiros da Crus con cancións dedicadas a Pepa Loba, pero o que hai non é suficiente. Pepa Loba debería ter máis auréola en Galicia. E en Andalucía quen a coñece? Ninguén. En cambio, ben se coñece, por exemplo, a José María el Tempranillo.