Unha primeira visión do Florencio máis intimista, que deixa a un lado esa parte máis combativa da súa produción, e que inclúe nas publicacións que seguirían: Galicia infinda (1964), Cantarenas (1981) e O soño do guieiro (1986). Nesta temática destaca a defensa e loita polo galego, con pezas como Falan castelán, na que mostra unha lingua asoballada completamente por outra ao non considerarse merecente de prestixio; pero tamén de crítica ao réxime que o faría fuxir, deixar a súa casa, e poñer un océano, o Atlántico, mediante, con versos cargados de coraxe como: «Levan a Cristo por fóra, / levan o demo por dentro; / pregan o Santo Rosario / e andan a matar labregos».
Corrector e tradutor
Dende os inicios, como é o exemplo de Ao Reiseñor, Florencio deulle gran importancia á corrección dos seus textos. Tanta que pasaba veces e máis veces sobre o que escribía, sempre corrixindo erros ou adaptando a lingua. Na publicación de Ricardo Gurriarán sobre o autor, Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, pode observarse esta revisión constante da súa obra, coas variacións en cada un dos versos ao longo do tempo.