Xiana Lastra, de A Banda da Loba: «Os lavadoiros foron espazos de encontro, liberdade e insubmisión»

FUGAS

cedida

O grupo publica hoxe «Xabón Lagarta», doce cantos e doce berros á esperanza, á memoria, ao feminismo e á lingua que resoan firmes como a voz das lavandeiras

29 abr 2022 . Actualizado a las 16:52 h.

Indómitas e soñadoras, seguen a facer tribo, a ampliar a manda. Como amplían horizontes. Estilísticos, estéticos e conceptuais. Xabón Lagarta, o novo disco da Banda da Loba que se publica este venres, é un poema trazado en doce versos sonoros. Rebeldes, comprometidos e, ao tempo, agradecidos. Coas que abriron camiño, coas silenciadas. Tamén coas que, coma elas, berraron, choraron e riron a carón dun lavadoiro. Real ou figurado. Disidentes dos dogmas, as cinco lobas —a linguaxe sempre é perversa— sitúan de novo o ouvido nos ecos do pasado, pero cravan a ollada no futuro. Vibrantes de emoción e de necesidade. Como as cordas de tender. Como a luz que se coa polas fiestras abertas.

­—Que novidades vén achegar dende o musical este «Xabón Lagarta»?

—O máis salientable penso que é a evolución que hai a nivel de produción. Buscamos un son moito máis fiel á potencia que si que teñen os nosos directos, pero que nunca acadáramos nos discos. Tamén arriscarnos un pouco máis metendo novas sonoridades e novos ritmos.

­—E a nivel conceptual?

—Segue a nosa liña. Fixemos o mesmo que en Fábrica de luz, intentar vinculalo a unha idea núcleo e, a partir de aí, ir falando das cuestións que a nós nos interesa tocar.

—Cal é esa idea núcleo?

—A idea é partir deses espazos de insubmisión que eran os lavadoiros, das vivencias e das problemáticas das que se falaba en torno a eles, para abordar temas como o feminismo ou a liberdade.

—Os lavadoiros eran como as redes sociais daquel tempo?

—Si, dalgún modo si. Eran un lugar de encontro no que as mulleres podían falar dun xeito libre das situacións que se daban, dos seus sentimentos, das súas emocións... Un espazo no que se podían expresar as preocupacións máis fondas, pero tamén os desexos máis prohibidos.

—Que puxo A Banda da Loba a secar neste disco?

—Puxemos a secar o feminismo, o compañeirismo, a maneira na que surfeamos cada unha de nós a espiral da vida, o ecoloxismo, a memoria histórica, a lingua... Sobre todo neste disco, deixámonos levar, deixamos saír a loucura.

—E que atopastes ao abrir as fiestras de par en par?

—Este foi un traballo moi bonito en todo o que tivo que ver coa documentación en torno ás lavandeiras, pero creo que, a nivel grupo, abrimos as fiestras en moitos sentidos. Se xa eramos un grupo que nos identificabamos por non facer un tipo de música moi concreta e tocar moitos estilos, creo que neste disco aínda fomos un paso máis alá. Permitímonos crear sen ningún tipo de complexos e tirarnos á piscina.

—A poesía e a literatura seguen sendo dous piares fundamentais para vós.

—Por suposto. Fiestras abertas está baseado nun poema de Luísa Villalta, Sonho nun de Carvalho Calero, O peso do peito nun de Regina Touceda, Loucura é un poema de meu pai, Xosé Lastra... Si, segue habendo moitísimos guiños... Minto, non son guiños. É literatura pura e dura. É que iso é un dos fundamentos que dá identidade da banda. É algo que nunca imos abandonar.

—Por que escolliches ritmos latinos para musicar o poema do teu pai?

—Ese poema fala dun suicidio. Eu quiteille a parte final, que era cando se desencadeaba o desenlace, e centreino máis en vivir a loucura. A primeira vez que o escoitou, meu pai quedou impactadísimo porque nunca pensara que xusto esa canción á que el lle dera ese punto tráxico acabara tendo un ritmo latino. Tardou en encaixalo, pero agora gústalle.

—Levo sostendo dende hai anos que as mulleres estades a ser as grandes axitadoras da música galega. Concordas?

—Eu penso que o fomos sempre, o que pasa que duns anos para aquí visibilízase máis. Xente como Guadi Galego, Mercedes Peón ou Ugía Pedreira son auténticas experimentadoras e renovadoras dende hai moitos anos. Grazas ao traballo que fixeron elas, as que vimos por detrás témolo máis fácil e visibilízasenos máis. Pero si que é certo que hai unha gran potencia de música feita por mulleres que agora mesmo en Galicia é a que está petando forte. Tamén porque se nos esixe máis, eu creo. Nese sentido, somos moito máis currantas.

—Aínda hai tempo para a esperanza, como dicides en «Cobiza»?

—Queremos crer que si. Está claro que é difícil cambiar á sociedade, pero pasiño a pasiño pensamos que se pode conseguir. Non nos resignarmos a que as cousas non poidan cambiar. Por iso dicimos que reescribir de cero a historia de nós dependerá.