O festival arrancou onte con sendos concertos de High Paw e Copa Turbo. Hoxe venres será o turno de Os Silvestres, o novo proxecto de Roger de Flor (O Diaño, 20.30 h) e de Ruxe Ruxe, que por fin están a celebrar como corresponde o seus 25 anos de traxectoria (Karma, 22 h).
A xornada do sábado arrancará ás 12.5 h coa banda coruñesa de rock sureño Moucho, no Tábula Rasa. O repertorio en galego de Eladio y los Seres Queridos poderase escoitar no Campiño de Santa María ás 13 h. Pola tarde será a quenda de Xeración Sónica, un proxecto nacido no estudo Bonobo que reúne a rapaces e rapazas de 13 a 16 anos (O Campiño, 17 h). Sucederanlle os sons apegados á terra e ás súas lendas que propoñen Zeltia e Irevire (O Diaño, 18.30 h) e o grupo de «rock portátil, pop campestre e folk psicodélico» Grampoder (El Pequeño, 20 h). O encargado de rematar a programacións de directos será Berto, quen na sala Karma, a partir das 22 h, presentará o seu recente traballo, Bailar Chikito, para o que conta coa colaboración de Marinha, a cantante de Furious Monkey House.