—Non hai detrás desa utilización das linguas unha vontade de chegar a máis xente?
—Non, non. Nos estilos nos que eu me movo, o inglés como que vai intrínseco. E ademais é que ten unha sonoridade moi especial. To confess, por exemplo, é que non ma imaxino noutra lingua que non sexa o inglés. O flow que ten é tamén polo idioma.
—Que non pensas moito na parte comercial revélao que dúas cancións pasan de 6 minutos e case todas superan os 4.
—Para min os bos temas son os que pasan de seis minutos. É entón cando digo: «Ah, vale, é un bo tema» [ri]. O máis importante é sempre o que me pida a música. Vouno supeditalo todo ao que sinta que ela necesita. Xamais vou poñer por diante un concepto comercial.
—Este é un disco de liberación?
—É máis un disco de resiliencia. Pero por enriba de calquera outra cousa, é un disco emocional e sensorial.
—Onde cres que ten cabida a túa proposta en Galicia?
—Eu cos meus discos fixen sempre o circuíto natural das principais cidades. Pero claro, iso vai contra o peto do artista. Nesta ocasión é máis complicado porque a nivel de banda imos en formato sexteto. Entón, en principio, estamos apuntando a que nos contraten. Para nós sería fantástico entrar no circuíto de festivais e creo que ten sentido que esteamos. Sobre todo agora que os festivais, máis que nunca, acollen propostas de estilos moi diferentes, que non son tan pechados. E despois, xa no outono, faremos salas.
—Incluso nos temas emocionalmente máis duros, como «Lo estoy soltando», es quen de desbordar boa enerxía e positivade. O disco é todo el alegato á liberdade e ao bo rollo.
—Pasamos a vida buscando para que estamos aquí. Pois mira, unha das cousas polas que eu fago todo o que fago é para aportar boa onda. E a música ofréceme esa oportunidade de estimular á xente de maneira positiva. Sexa porque che dea ganas de bailar ou porque che remove por dentro. O caso é que che leve a algún lado, que che aporte algo.
—En 2017 dicías que na musica facía falta máis ilusión e menos padriños. Seguelo sotendo?
—Non sei se ilusión. Quizais o que faio falta é máis verdade, honestidade, autenticidade. E ganas de compartir. Vivimos para compartir.
—E os padriños?
—Home, tamén fan falta. Pero dende a veracidade dese apadriñamento. Que non se faga por cuestións alleas ao artístico. A falsidade nese terreo detéctase enseguida.
—Segues presentándote como artista «galego-suíza». Ata cando?
—É que eu son galego-suíza. Eu síntome tan... Ben, non, síntome un pouco máis galega que suíza, iso é verdade. Pero son dos dous sitios. Teño en Xenebra ao meu pai, un irmán pequeno... Pero vivo aquí dende os 12 anos, amo esta terra e non me moverei dela. Para min a casa, a felicidade e o fogar é Galicia.