Brillante esexese sobre Delgado Gurriarán

Ramón Nicolás FUGAS

FUGAS

01 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao fío do acordo que o plenario da Real Academia Galega adoptou para lle dedicar o Día das Letras Galegas ao escritor valdeorrés Delgado Gurriarán, o profesor Alonso Montero ofrece un novo título que se suma á súa extensa produción ensaística. Velaquí este Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética e que constitúe, na realidade, unha tripla entrega constituída, inicialmente, por unha biografía intelectual á que se suma un conxunto de pequenos ensaios baixo a epígrafe de Dez incursións na obra literaria de Florencio Delgado Gurriarán e á que se engade unha sección conclusiva que encerra unha meditada, representativa e atinada antoloxía poética do autor homenaxeado.

Na primeira parte do volume, cun inequívoco espírito didáctico que comporta unha indubidable utilidade no ámbito académico, abrázanse os elementos máis salientables do perfil biógrafico de Delgado Gurriarán, operativos para revelar e iluminar as claves que dominan a súa obra literaria. Neste sentido, repárase naquelas dimensións que se derivan do corpus conformado polos seus traballos lexicográficos e etnolingüísticos e, asemade, non se esquece a actividade que protagonizou nos tres anos da guerra civil nin o deseño da biografía do seu galeguismo, a carón de afondar na súa faceta como escritor exiliado en México. Páxinas que se completan cunha análise, luminosa e documentada, do seu oficio de poeta onde se tratan individualmente os seus catro libros poéticos e tamén a súa faceta como tradutor. Na segunda parte do ensaio, ofrécense dez incursións na obra de Delgado Gurriarán que van desde análises pormenorizadas dalgúns poemas do escritor valdeorrés ata un estudo do libro colectivo de denuncia titulado Cancioneiro da loita galega do que o valdeorrés foi responsable, entre outros asuntos e temas de interese do autor de Bebedeira.

Unha monografía suxestiva e completa, accesible e brillante, que cumpre con creces o obxectivo de divulgar os aspectos máis salientables da biografía e da bibliografía de Delgado Gurriarán, pero que tamén se converte nunha valiosa crónica literaria, sociolóxica, sociolingüística, política e cultural do século XX.