Tanxugueiras: «Somos mulleres de aldea que se queren tal como son»

FUGAS

Rocío Cibes

Este sábado comezan na sala Pelícano da Coruña unha xira transcendente, non só para elas, para a música galega. «Fálase máis de nós do que se nos escoita», din

25 mar 2022 . Actualizado a las 10:24 h.

Ás seis da tarde, o xesto e as caras de Tanxugueiras non deixan lugar a equívoco. Reflicten o cansazo acumulado en semanas intensas de promoción e, sobre todo, de ensaios. Son moi conscientes de a que se enfrontan e canto se xogan. Por diante, máis de sesenta concertos en escenarios aos que hai apenas un par de meses era imposible que se lles pasase pola cabeza poder chegar. E nos que, para engadir máis responsabilidade, nunca soou a música tradicional galega. A metamorfose foi descomunal. E cómpre un esforzo non menor para adaptarse a este novo statu quo, a esta nova fisionomía.

 

—A última vez que nos vimos foi a noite da final do Benidorm Fest. En que cambiou Tanxugueiras dende entón?

Sabela Maneiro. Cambiaron moitas cousas ao noso redor. Pero nós, en mes e medio non cambiamos nada. É imposible.

Olaia Maneiro. Eu creo que si que cambiamos. Que cambiamos para ben. Se xa estabamos convencidas de que isto ía triunfar e de que a tradición sempre vai gustar, despois de Benidorm, máis aínda. Constatamos que a xente está preparada para un cambio, para volver ás raíces.

—Como se fai para asumir e dixerir todo isto que vos está a acontecer?

S.M. É imposible dixerilo en mes e medio. Supoño que o faremos ao longo do tempo. O que temos claro é que cada vez nos gusta máis ir tomar unhas cañas coa nosa xente e estar nas nosas casas, coa nosa familia. Iso é do que nos estamos nutrindo. Desa xente que che pon unha man no ombreiro e che di: «Tranquila, imos tomar unha caña e xa iremos vendo».

—Divertídesvos o mesmo que antes?

O.M. Eu non. Agora sinto como que vivo unha vida distinta. Supoño que terei que acostumarme a que a miña privacidade xa non é a mesma.

S.M. Entre as cousas que cambiaron está, por exemplo, o saír de festa as tres ou desfrutar dun sitio onde hai moita xente. Agradecemos moito que a xente queira sacar fotos con nós, pero chega un momento no que nos desborda. É todo moi grande. Agora o que facemos cando saímos de festa é separarnos. Estamos cada una nunha punta e así a xente non nos identifica tan fácil.

O.M. Que estamos superagradecidas de todo o agarimo da xente, pero ás veces supéranos porque non estamos afeitas.

Aida Tarrío. A ver, o das fotos, cando fas 50 en media hora, chega a cansar, pero eu persoalmente estoume divertindo moitísimo. Supoño que nós non somos aínda conscientes de onde estamos. O Benidorm Fest foi tremendo, pero trastocounos a nosa axenda por completo. Dous meses e medio que deberiamos ter empregado en estar preparando o noso directo, tivemos que empregalos en preparar o Benidorm Fest. E agora estamos facendo en mes e medio o que iamos facer en catro. Entón, estamos traballando tantísimo que non temos tempo para ver o que pasa fóra.

—Hai uns días, en referencia a Eurovisión, Rigoberta Bandini díxolle a Évole: «Hostia, de la que me he librado». Tedes esa mesma sensación?

O.M. Si, pero non se pode dicir [rin].

—Rigoberta díxoo.

O.M. Xa, pero Rigoberta non levou a cantidade de hostias que levamos nós.

A.T. Non sabemos por que, pero é certo. Debe de ser porque somos persoas sinceras e non estamos atadas a ningunha gran produtora nin a ninguén que non nos deixe falar e contamos a nosa versión e a nosa opinión. E iso a xente fódelle.

O.M. É que nós temos o combo completo. Somos de aldea, falamos un idioma que non é o castelán e aínda por riba somos mulleres empoderadas que se queren tal e como son. Temos un combo moi hostiable para xente de determinados ideais.

—Fóra de Galicia podedes expresarvos coa mesma naturalidade que aquí?

A.T. Non sabemos se podemos, pero expresámonos [rin]. Agora que estamos indo a programas das teles e das radios estatais, hai unha cousa que nos choca moito e é que nos din: «Moitísimas grazas por ser así de naturais». E nós quedamos en plan: «Entón, como é a xente?».

—Segue activo ese grupo de WhatsApp dos artistas do Benidorm Fest?

S.M. Non. Ben, Rayden a veces inténtao.

A.T. O grupo existe, pero non está activo. A ver, a realidade é que somos artistas que coincidimos nun concurso e alí levámonos ben, pero non se fixeron amizades para toda a vida. Ou polo menos Tanxugueiras non. Temos a Rayden.

S.M. Tamén nos levamos ben con Luna Ki, Barry Brava e Blanca Paloma. Pero non son colegas cos que falamos todos os días.

A.T. Dentro do Benidorm Fest houbo moito respecto, educación e compañeirismo, pero... amigos para sempre, non.

—Ides ver o festival de Eurovisión?

A.T. Non. Temos concerto ese día. Pero estaremos atentas ao que pasa. E obviamente queremos que gane Chanel. E se non gana Chanel, pois que gañen as francesas. Ou Portugal. A min a canción de Portugal encántame.

—Que foi o máis bonito que vos pasou neste tempo, o que máis vos emocionou?

A.T. Ver aos nenos e as nenas a tope, mercando pandeiretas. E as cartas que nos mandan. Gustaríanos moito poder achegarnos a todos e a todas, pero é imposible.

O.M. Temos 1.500 peticións para mandar felicitacións. Fariámolo encantadísimas, pero non nos chegarían as horas do día só para facer iso. E quédanos esa dor porque sabemos que fariamos felices a esas persoas. Pero ou é ensaiar e facer música ou contestar mensaxes.

—E o que máis vos molestou?

S.M. Que por ser mulleres e ter éxito parece que sempre temos que estar pedindo perdón.

O.M. O nivel de esixencia é moito maior. Nós, por exemplo, non podemos sacar un tema mediocre. Sentimos como unha presión constante de sacar temazo tras temazo, non vaia ser que todo o traballo feito se vaia ao carallo por un tema que non está á altura dos anteriores. E creo que iso é algo que só nos pasa ás mulleres.

S.M. Estou convencidísima de que certas críticas que temos recibido, se fosemos homes, non as habería. Se fosemos homes, ninguén tería dito que estamos gordos ou que somos uns aldeáns de merda.

A.T. De todos os xeitos, a xente que di iso é xente que non queremos nos nosos concertos. Mellor que non veñan porque non son benvidos.

—Teño a sensación de que con Tanxugueiras fálase moi pouco de música.

A.T. Si, demasiado pouco. Fálase máis de Tanxugueiras que do que se escoita a Tanxugueiras.

O.M. Xa, pero tamén somos conscientes de que agora mesmo nós somos unha plataforma para reivindicar certas cousas. E mola ter eses espazos para darlle visibilidade a cuestións como o idioma, a cultura ou o empoderamento da muller.

S.B. Pero se puidésemos falar máis de música, estaría guai.

—Esta é a ocasión. Contádeme, como vai ese disco?

S.B. Temos unhas sensacións moi bonitas con el. Cada tema que facemos dicimos: «Este é o temazo do disco».

A.T. Eu creo que iso é porque o disco está traballado aos poucos. Non hai nada aquí que se fixese a correr.

S.M. Para facer cada tema pensamos e centrámonos nese tema e nada máis que nel.

A.T. Por iso, a nivel de sonoridade, o disco non vai ter sentido. Cada canción é do seu pai e da súa nai.

O.M. Pois eu creo que si que hai unha cor xeral en todas. Que ti as escoitas e dáste conta de que están feitas polas mesmas persoas.

S.M.: Neste disco Iago (Pico) xogou un papel moi importante. Nós temos claro como soan os temas na nosa cabeza pero precisabamos a unha persoa que puidera entendernos e saber darlle a todas as pezas un punto en común. E el faino de marabilla. Iago soubo lernos. Soubo darnos a sonoridade que queriamos. Estamos seguras de que nós houbéramos chegado a ela pero teríanos levado moitísimo máis tempo. Temos moita sorte porque tanto Iago como Isaac saben estar no seu papel. E iso é moi difícil en músicos e en homes. Saben cal é o seu sitio e o seu momento pero sempre tiveron moi moi claro que Tanxugueiras eramos nós as tres. Traballar con eles é a cousa máis doada do mundo.

—Como vai ser o espectáculo en directo?

O.M.: Poderiamos definilo como un espectáculo redondo, para todos os gustos e con moitas fases de emoción. Con empoderamento e feminismo a tope.

A.T.: Si, hai moito power.

S.M.: E moita reivindicación.

—Que idea queredes transmitir?

O.M. A idea primeira é que vimos para quedar. Que isto é o que somos e o que seremos. E que estamos moi orgullosas de selo.

—Credes que todo isto que está a pasar coa música galega ten que ver cunha moda ou que se está a marcar un punto de inflexión que abrirá unha nova etapa?

A.T. Nós pensamos que isto é un paso en firme. Dáme moitas esperanzas o feito de que os nenos nos coñeceran porque estou segura de que a partir de nós van coñecer moitos máis grupos galegos. E a xente de fóra estao vendo. Moita xente nos comenta «pero que está pasando en Galicia? Por que non coñecíamos nada de toda esta música antes?».

O.M. Ata agora estivemos coa porta pechada pero eu tiña moi claro que no momento que se abrira iamos saír disparadas.

—Nos vindeiros meses compartirdes cartel nun festival con Rubén Blades e Juan Luis Guerra e noutro con C. Tangana. Cal vos fai máis ilusión?

As tres. C. Tangana.

A.T. Que Rubén Blades está moi ben, eh!

O.M. Pero é que o último disco de C. Tangana..., o creativo que está sendo, todo o que está indagando, todo o que está mesturando... Como ten a cabeza ese home para facer todas esas cousas é algo que me intriga moito. Teño moitas gañas de velo.

A.T. E que tocar antes de C. Tangana!... É unha fantasía.

O.M. Menos mal. Imaxínate tocar despois! (rin)

—Cal é o festival de todos os que ides que máis ilusión vos fai?

O.M. Fainos moita ilusión que nos leven por fin ao SonRías Baixas.

S.M. Si, fainos moita ilusión porque levamos anos indo e sempre diciamos «algún día estaremos aí arriba». Pero non facendo unha colaboración nunha canción senón como Tanxugueiras. E aí estamos.

A.T. A min faime moita ilusión estar no Río Babel, no Pirineos Sur e no Conexión Valladolid. Gústanme moitísimo Lola Índigo e Kase O e en Valladolid imos coincidir cos dous.

—E para ano que vén, cal vos pedides?

A.T. Gustaríame estar no Primavera Pop. Porque iso significaría que Los 40 por fin apostan por algo máis que pola música enteiramente comercial. Unha das miñas aspiracións é que se nos escoite nas radios nacionais. Mira que nós estámolo petando, pero non hai collóns de entrar aí. E por desgraza semella que só o que se escoita nas radiofórmulas e o que está nas listas é o que vale.

—Unhas das vosas grandes bazas á hora de gañar popularidade son as redes sociais. Levádelas vós persoalmente?

A.T. Si, levámolas as tres pero Sabela e eu somos ás que estamos máis atentas ao que se comenta.

O.M. A min gústame facer historias e interactuar co público pero, por exemplo, non me fai ben mirar Twitter. Eu son unha persoa que os estímulos lévoos fatal. Tanta información satúrame e vaime agobiando o día. Non me compensa.

A.T. A min non me afecta. Para min a xente que nas redes sociais escribe comentarios despectivos cara outra persoa é xente que ten unha vida de merda. Entón, a min esa xente non me fai dano. Cada vez que vexo un comentario dese tipo o que penso é «pobriño».

—Tras o Benidorm Fest recibistes críticas por aparecer nunha foto cunha bandeira estrelada. Pero despois tedes aparecido en actos institucionais con administracións de diferentes cores. Credes que hai quen trata de utilizar politicamente a Tanxugueiras?

A.T. Si, claro. Inténtano pero non o van conseguir

O.M. As nosas ideas vense moi ben. Mulleres empoderadas que cren na liberdade, que loitan pola cultura e polo idioma. A ver...

A.T. Non fai falta que saiamos con ningunha bandeira para que se saiba. Ademais, saír coa bandeira coa estrela non quere dicir necesariamente que sexamos independentistas. Simplemente temos un orgullo pola nosa terra que oxalá todo o mundo o tivera pola súa.

—Discutides máis agora que antes?

O.M. Discutimos menos que nunca. Estamos tan cansas que só queremos durmir e rir.

S.M. Se non estamos nós unidas..., a ver quen vai estar? Todo isto uniunos máis que nunca. Somos nós as tres soas ante o perigo.