No fondo, a propia vida

Ramón Nicolás

FUGAS

Berta Dávila publica «Os seres queridos», premio Xerais 2021, unha novela que aborda as dimensións do amor maternal e dos afectos sen caer na compracencia

18 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Podería comezar por afirmar que xulgaría como case secundario —malia que no fondo non o sexa— o asunto que recree literariamente Berta Dávila. Sería un recurso operativo para salientar, ao fío da aparición deste premio Xerais de novela 2021, un dos factores que, teño para min, é un dos máis atractivos das súas propostas. Velaí ese temperar constante —case musicalmente— a súa narrativa para que se nos revele como transparente e efectiva; velaí ese camiño que transita con vehemencia para transmitir sen opacidades o verdadeiramente esencial, isto é, o que alimenta os últimos tempos as súas novelas e que, se cadra, son algunhas das dimensións máis dolorosas que presenta a existencia. Compartidas sempre até un límite de maneira que o feito de interpelarnos indirectamente sexa onde repouse un dos seus grandes méritos.

E a maior abastanza, de seguirmos a súa traxectoria, é doado advertir como, nese percorrido, cada vez é máis evidente como a autora coloca a palabra xusta no lugar adecuado para deixar cimbrando no ar a suxestión semántica que aquela encerra e que, por tanto, permite construír con acerto unha concatenación de situacións, experiencias e atmosferas nas que sempre permanece latente un convite para nos transformar en suxeitos activos e participativos, pois é probable que sexa tan importante o que se di como o que non se di pero que se pode imaxinar.

Con todo, faltaría á verdade se o que destaco desta novela se reducise a ese estilo propio e á arquitectura sinxela, meditada e efectiva que a domina. Hai, tamén, cousas igualmente importantes. Se a autora transitou en pezas anteriores por motivos pouco tratados na nosa narrativa, con Os seres queridos, realidades tanxibles que dalgún xeito son recorrentes na súa obra, aborda as dimensións do amor maternal e dos afectos sen caer nunca na compracencia. Con sensibilidade, e desde as instancias das dúbidas, dos receos e as conxecturas que se formulan diante da decisión de volver ser nai, a autora constrúe un mosaico autoficcional con teselas que tamén nos falan do valor da amizade, do peso da culpa e, probablemente, do arrepentimento e daquelas fendas que se abren, talvez, para non cicatrizar máis, ou si.