Casares. Unha evocación

Ramón Nicolás FUGAS

FUGAS

Valcárcel, Casares, Fernández del Riego, Acuña, Diéguez, Domínguez Alberte, Nicolás e Bernárdez.
Valcárcel, Casares, Fernández del Riego, Acuña, Diéguez, Domínguez Alberte, Nicolás e Bernárdez. RAMÓN NICOLÁS

Será un tópico, pero non marchou de todo porque está nos libros: nos relatos e novelas, nos ensaios e crónicas, na amplísima obra xornalística que deixou

11 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pertenzo, por idade, a unha xeración que accedeu á materia de lingua galega en oitavo de EXB ao abeiro do célebre decreto de xullo de 1979, que habilitaba a presenza do noso idioma no ensino. Este feito en parte algo ten que ver con Carlos Casares, pois a primeira lectura que nos suxeriran fora Vento ferido. Conservo aquela primeira edición do libro que viu a luz, en Galaxia, no ano 1967 con ilustracións de trazo sinxelo en branco e negro de Xulio Maside, algunhas delas coloreadas anos despois polo meu fillo porque os rostros e corpos retratados, sospeito, supuxeron unha tentación inevitable que convidaba a que se enchesen de vida. Evoco felizmente o impacto, case un sismo, que me provocara a lectura daquel libro: tan sinxelo e transparente, tan cargado de emoción. Supoño que non será unha experiencia exclusiva, pero o relato titulado «A rapaza do circo» prendeu con tal forza que un dos primeiros contos que se me dera por compor foi incapaz de afastarse da influencia que proxectou aquela historia imborrable e aquela maneira de contar.

Ese foi, o da lectura, o meu primeiro contacto con Carlos Casares. Lembro que, anos despois, no Colexio Universitario de Vigo, disertara sobre a historia da lingua cun desagradable incidente no que alguén lle recriminou, en público, o uso oral deficiente que facía da lingua galega, contratempo do que el saíu con elegancia e cun amplo sorriso na boca: eran tempos, nalgún sentido, aínda moi intransixentes.

Circunstancias posteriores propiciáronme algúns encontros entre os que destaco algunhas horas compartidas en Pobra de Trives, a onde se achegou para render tributo ao poeta e mestre republicano represaliado Manuel Luís Acuña, de quen recoñeceu a influencia determinante do autor de Fírgoas para que Casares se dedicase á creación literaria. Deixouno dito nun artigo para as páxinas de La Voz de Galicia, o 15 de outubro de 2000, baixo o título de «Acuña», onde afirmaba que o tivera «por un dos meus mestres e el consideroume discípulo. Funo contar onte a Pobra de Trives a un congreso. Paseino moi ben e por riba, como se aquilo non fose dabondo, comín unha perdiz». Do que dou fe. Será un tópico, pero é certo que non marchou de todo porque está nos libros: nos relatos e novelas, nos ensaios e crónicas, na amplísima —case sen parangón— obra xornalística; tamén perdura na memoria das persoas que tiveron —nunha pequena medida, tiven— a fortuna de tratalo.