Iago Pico, produtor e artífice do son das pandeireteiras: «Con Tanxugueiras estamos rompendo con todo»

FUGAS

Iago Pico na rodaxe do videoclip de «Figa»
Iago Pico na rodaxe do videoclip de «Figa» @Rocío Cibes

O percusionista vén de acompañar a Aida, Sabela e Olaia enriba do escenario, se ben confesa que no seu estudo é onde máis feliz é

10 feb 2022 . Actualizado a las 14:56 h.

Hai pouco máis dun ano, de Iago Pico (Santiago, 1986) pouco máis se sabía que que era o enxeñeiro de son do seu propio estudo, Pouland, e que a súa firma aparecía como produtor nos créditos de discos de Nao, The Lákazans ou Ezetaerreo. E nisto chegou Midas, o tema que marcou o punto de inflexión na traxectoria de Tanxugueiras. Detrás daquela bomba sonora estaba Iago Pico. Figa e despois Terra confirmaron que a frauta non soara por casualidade. Que o produtor compostelán era responsable, nunha considerable cota, da nova e proveitosa sonoridade do trío de pandeireteiras. Tal foi o nivel de sintonía, complicidade e implicación que se xerou que Iago Pico aceptou saír do seu refuxio e renunciar ao seu confortable anonimato para acompañar tamén en directo a Tanxugueiras. Obvio todo o que veu despois porque ou ben é atrezzo ou historia máis que coñecida.

—Como chega Iago Pico a Tanxugueiras? Ou foi ao revés?

—Elas viñeron a Pouland a gravar un tema para o derradeiro disco de Nao. Aí foi onde nos coñecemos. Daquela non había aínda predisposición ningunha de facer algo xuntos. Tempo despois chamoume Olaia [Maneiro] porque querían gravar as voces para unha canción nova. Elas estaban traballando con Fer Peleteiro [a metade de Verto], xa tiñan Midas na cabeza e algunhas bases electrónicas feitas. Díxome que, ademais do das voces, se vía algo que se puidese engadir, que adiante. Así que collín o tema e producino integramente. E de aí xurdiu todo. A partir de que Midas funcionase tan ben creamos un vínculo moi forte e xa non só me encarguei da produción senón que tamén empecei a participar con elas na composición dos novos temas que xa coñecedes, como Figa, Terra ou Averno.

—Ti tiveras algún achegamento previo á música tradicional?

—Para nada. Foi practicamente a miña primeira aproximación. Pero ao ser elas tan abertas, non fixarme ningún teito e querer meter elementos arriscados... É que iso é o que máis me gusta do mundo.

—Non tiveches medo das reaccións que puidesen chegar dos puristas do «tradi»?

—Cando saíu Midas si que tiven algunha dúbida respecto a como responderían a aquilo. Pero ao ver que a xente o recibiu tan ben, con Figa xa fun a saco.

—Meterlle autotune a un trío de pandeireteiras ten bastante de ousadía, si.

—Por exemplo (ri). Pero todo iso foi porque elas en ningún momento tiveron medo. Non me puxeron fronteiras.

—Xa coñecemos catro cancións do novo disco de Tanxugueiras. Atoparémonos con sorpresas no resto?

—Si, ides ter sorpresas. Haberá temas máis de verán, que brillan máis, que son moi de bailar e para todos os públicos. Temas máis escuros, algunha rareza como cancións que nin sequera ten retrouso... Temas nos que hibridamos a tradición galega co flamenco, co hip hop... Pero todos con esa maxia que traen elas de fábrica, e que levantan as cancións ata o infinito.

—Polo que eu sei, tamén vai haber un tema puramente tradicional.

—Si, tamén. É moi importante mostrar de onde se vén para que a xente, sobre todo a de fóra, grazas a Tanxugueiras descubra a nosa música tradicional.

—En que cambiou Tanxugueiras contigo?

—En descubrir que a música é universal. Que ti podes ter as túas raíces pero se queres chegar a máis público, a día de hoxe, hai que fusionar. Iso é o que fai que á xente a túa música lle soe familiar, que lle soe interesante. Por suposto, sempre transmitindo verdade.

—E en que cambiaches ti con Tanxugueiras?

—Eu libereime de moitos prexuízos musicais. De que este estilo ten que ser así e aquel outro daquel outro xeito, de que determinadas harmonías só se poden usar en determinados xéneros... Con Tanxugueiras estamos rompendo con todo. E ao final dáste conta de que é rompendo, sen deixar de ser coma ti es, pero sen marcar fronteiras, é como realmente se pode chegar a facer algo que poida transcender máis.

—Á maioría dos produtores cústavos moito saír do estudo, dar a cara e figurar en primeiro plano. Por que deches o paso a expoñerte como te estás expoñendo?

—Niso tivo moito que ver e a miña situación persoal nun determinado momento. Elas estaban dándolle unha volta a como levar estes temas ao directo e un día dixéronme «xa sabemos que vas dicir que non, pero nós ímoscho propoñer: A ti apeteceríache vir de xira con nós e defender estes temas nos concertos?». A verdade é que a min nin se me pasara pola cabeza, pero como estaba nun momento persoal complicado e por primeira vez estaba vivindo só no estudo despois de moitos anos, díxenlle «avante toda». E entrei con todo a formar parte do equipo. Como produtor, como actor nos videoclips, como percusionista... O que fixera falta.

—Nos concertos da xira tamén vai participar Isaac Palacín, o percusionista que leva acompañando a Tanxugueiras todos estes anos. Como vai ser a convivencia musical entre ambos?

—Perfecta. Seguro. Todos os temas de Tanxugueiras teñen tanto percusión electrónica como tradicional. É moi bo que nesta xira vaiamos os dous porque tamén é unha simboloxía do que son Tanxugueiras, desa mestura de tradición e modernidade. De todos os xeitos os dous imos facer un pouco de todo. Igual el nalgún momento toca os sintes e eu collo o caixón ou ao revés. O que sintamos que cada tema precisa.

—Na túa canle de YouTube, na que tes máis de 3.000 subscriptores, hai varios vídeos teus cantando versións e incluso algún tema propio. Nunca consideraches facer carreira como artista en solitario?

—Si, claro que si. O meu soño de pequeno era ser unha rockstar. Porque foi co que medrei. Eu ao saír do colexio o que facía era ver en vídeos en VHS de concertos de Bon Jovi, Freddie Mercury... Papábaos enteiros. E a peli Rockstar, a de Mark Wahlberg? Igual vina 60 veces. E iso motivábame. O que pasa é que co tempo dinme conta de que rockstars cada vez quedaban menos e que era moi complicado chegar a iso. Así que como outra das miñas paixóns era o mundo da gravación, decidín tirar por aí. Pero si, de vez en cando aínda sinto a necesidade de xuntarme con colegas e facer algún cover ou algún tema propio. Pero xa só en modo hobby.

—Bueno, convertécheste nunha «tradstar».

—(Ri) Si, xa me din os meus colegas: Quen che ía dicir a ti que ías rematar indo a Eurovisión, medio espido e tocando nun tema tradicional! Pero mira, estouno desfrutando a tope. As cousas que non se planean son as que máis se gozan.

—Tes traballado con Nao, The Lákazans, Ruxe Ruxe, Ezetaerre... Bandas con estilo moi distintos. Como definirías a impronta que ti deixas neses traballos? Cal é o teu sinal de identidade?

—Pois mira, dixéronmo o outro día e fíxome grazia. Definiríame como unha navalla suíza. Eu cando produzo bandas que xa teñen unha traxectoria e unha musicalidade moi definida e non a queren cambiar moito, o que fago é intentar potencialas. Que os temas crezan, que teñan máis presenza sonora de xeito que o ouvinte capte moito máis a mensaxe que lle quere transmitir o grupo. Con Tanxugueiras é diferente porque con elas participo na composición dos temas.

—E cal sería o marchamo de identidade de Pouland Studios?

—E considéroo un centro de actividade cultural. Ás veces os grupos van aos estudos con medo respecto a como se van desenvolver gravando ou como se van levar co produtor, porque ao final son moitas horas as que pasamos xuntos. Pero aquí é todo moito máis doado, máis natural. Estamos nunha casiña no rural, teñen unha pista de basket, unha piscina, a súa neveiriña coas cervexas... A xente está cómoda e enseguida senten que estamos todos no mesmo equipo.

—Ademais de Tanxugueiras, agora mesmo con quen estás traballando?

—Estou rematando un single con Deleiba, outra cousa con The Poet's Silcence e algúns proxectos de masterización para Islandia. Pero vouno ter que deixar practicamente todo porque é inviable compaxinalo con facer os temas que faltan do disco das Tanxus, os ensaios para os concertos e a propia xira.

—O traballo que fixeches con Tanxugueiras xerocuhe xa algún tipo de retorno, por exemplo de producións de artistas a nivel nacional?

—De momento aínda non moito pero eu confío en que si que o vai ter. Aínda que xa sabes como é isto da música. Agora resulta que a xente identifícame co son Tanxugueiras. Entón, se un grupo quere facer algo que non teña nada que ver coa música tradicional igual non me chama porque pensan que vou coller os seus temas e voulles meter pandeiretas. Aínda nos falta moito en cultura de produción musical. Pero xa teño proxectos para facer algo con Rayden, con Rozalén... Aínda non podo dicir moita cousa. Xa se irá vendo.

—Postos a soñar, á vista de que os soños estánseche cumprindo, a quen che gustaría producir?

—O meu soño sería producir a unha banda de rock americana, desas que xa teñen o cu pelado, e que me deixasen darlle unha volta ao que fan. Pero ese creo que nunca o vou cumprir.

—Unha banda como por exemplo?

—Igual é moi grande, pero postos a soñar, Aerosmith ou Bon Jovi.

—Vaia, semellan tamén os teus referentes estéticos.

—Si, tamén (ri). Iso me din.

—Onde é que es máis feliz?

—No meu estudo. Cen por cen. A min gústame moito máis estar na parte de atrás que dando a cara. Pero non é só iso. É que cando chego aquí penso e creo doutra maneira.