Novoneyra, sempre

Ramón Nicolás

FUGAS

cedida

04 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Van algo máis de dúas décadas desde o falecemento de Uxío Novoneyra: unha voz senlleira que permanece en nós grazas ao seu singular legado literario e, tamén cómpre dicilo, ao esforzo continuado que a fundación que ten o seu nome leva a cabo para que a chama da súa memoria siga alampeando. Boa mostra do que afirmo é a edición recente dun estoxo que contén sete relatos que o autor escribiu pensando, paréceme, nos seus e mais na incorporación do idiolecto literario courelao, sen querer evitar felizmente algunhas claves do seu universo estético e vital, a un xénero como é a literatura infantil.

Compílanse nestes Contos do Roxín Roxal, así pois, sete relatos dos que catro resultan rigorosamente inéditos e todos eles acompáñanse, nesta ocasión, dunha lectura plástica magnífica a cargo de Miguel Robledo. Ademais, cada unha das propostas achega un código QR que posibilita cadansúa audición nas voces de dous dos seus fillos —Branca e Uxío—, de Elba Rey, Manuel Jabois e Nieves Neira.

Non é difícil advertir nestes relatos, cheos de naturalidade e frescura, chiscadelas á tradición oral narrativa galega e europea, recuperando personaxes lendarios, recorrendo en ocasións ás fábulas e a temáticas onde xorde a rebelión contra as inxustizas manexando, asemade, argumentos onde o fantástico e o máxico se entretecen no cotián nun espazo envolvente e único, isto é, aquel que se amosa no humus profundo da natureza courelá: eidos, panqueixos, gándaras e penedías que, tantas veces, adquiren un rol fundamental, como tamén o fan eses corzos e xabarís, eses lobos e andoriñas que nos convencen de que aquel tempo de cando os animais falaban tamén era o de Novoneyra e pode ser o noso.

Relatos, en fin, recomendables para todas as idades que evidencian esa fe inquebrantable e persistente que Novoneyra depositou nunha lingua que palpita: aquela que nos deixa ver e imaxinar «a coor do ucedo nos cumes» e que nos aprende que hai lugares misteriosos ou descoñecidos aos que se pode ir «en soños ou cos ollos». Abofé: cos ollos que repousan neste galano para os sentidos.