A travesía entre beats, ritmos e emocións de García Mc

FUGAS

ROCIO CIBES

O rapeiro vén de asinar o maxistral «Arquipélago Quilombo», o derradeiro disco do 2021... ou o primeiro do 2022

07 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un non sabe ben se citalo como o derradeiro disco do 2021 —publicouse o 31 de decembro— ou o primeiro do 22, xa que será neste cando que teña o seu percorrido. Un percorrido que aventuro próspero, dado o cariz deste traballo.

García Mc vén de asinar con Arquipélago Quilombo unha docta e maxistral lección de como actualizar e diversificar o demasiadas veces dogmático catálogo do hip-hop sen desnaturalizar a súa esencia. Dotándoo de novos sentidos e, parafraseando a Austen, de novas sensibilidades.

O rapeiro propón unha estimulante travesía polas dez illas do seu arquipélago a partir de dez temas —de moitos deles xa tiñamos referencia— nos que colabora con artistas como Nastasia Zürcher, Cynthia Montaño, High Paw ou Javier Vicalo.

Arquipélago Quilombo arrecende de principio a fin a puro eclecticismo integrado con mestría nas músicas do mundo. Deses mundos nos que García MC se mergullou en primeira persoa e cunha profunda implicación durante os últimos catro anos. Aí están para corroboralo eses áridos territorios fronteirizos que evocan os metais en É a partida, esa cumbia tribal que estremece Danza sagrada, ese hipnótico rocksteady de corte clásico que arrola O Espello, eses sutís ornamentos que tinguen de elegancia soul a Flamante ou ese escintilante coqueteo co ska que se adiviña en Son un pasmón.

Pero en ningún momento García esquiva a súa substancial esencia rapeira. Cleptocracia, o primeiro tema que coñecemos deste disco, conéctao de xeito indisoluble co rap de vella escola, co seu pasado, por exemplo, en Dios Ke Te Crew. Tamén agroma con orgullo a conexión coas referencias remotas na intensa Amor e sangue en Chiapas, un tema que xa gravara en traballos anteriores e que agora reaparece nun moi respectuoso remix.

Arquipélago Quilombo articúlase en castro bloques. Flamante, Somos unha mensaxe e Cleptocracia están gravadas con bases e beats. É a partida, Danza sagrada e O espello están gravadas en estudo con banda. Deitado frente ó mar e Son un pasmón estano con banda pero ao vivo. O disco complétase, a modo de extras, co remix de Amor e sangue en Chiapas e a versión dub de O espello.

Mais, como non podía ser doutro xeito, esta amalgama de ritmos e cadencias toma un fundamento único en torno á palabra. As rimas tórnanse no elemento substancial que cimenta e aglutina unha valente mensaxe de indagación social e persoal. Mesmo de profunda introspección por momentos. «Todo o que pasa ao teu redor, reflectido no espello. O famoso sentimento de baleiro. Non sentir nada, un produto do medo», rapea García Mc nun dos temas máis desgarradores de Arquipélago Quilombo. «Pero doulle a volta a ese rollo chungo e converto o desgarro en baile», di. Velaí un oportuno e gran acerto. «Antes era máis social, máis activista. Agora, sen deixalo de todo, falo de sentimentos máis persoais». Ao tempo, segue dando voz aos poetas. Dous poemas de Celso Emilio e un de Lois Pereiro forman parte do cancioneiro deste disco co que felizmente pechamos ou abrimos ano.