Haberá novos álbums de Tanxugueiras, Ortiga, Grande Amore, Woyza, Néboa, Budiño, Dakidarría, Uxía, Sés, Ruxe Ruxe... A colleita promete
07 ene 2022 . Actualizado a las 22:21 h.Se 2021 foi o ano da reactivación da música en directo, o 2022 ten pinta de se converter no da revitalización da produción discográfica. Velaquí as probas.
As grandes protagonistas do pasado ano, Tanxugueiras, teñen case listo un novo traballo. Mais coa tolería de axenda que levan non é doado planificar a súa saída. En función do que aconteza no Benidorm Fest decidirase a data e mesmo o formato.
Non teremos novo disco doutro gran nome propio do 2021, Baiuca, pero si bastantes colaboracións con artistas de rexistros moi distintos. O seu selo, Raso Estudio, anuncia novo e moi potente álbum de Blanco Palamera para febreiro e senllos epés de Mariagrep e Néboa para antes do verán. Tamén nesas datas aparecerá o agardadísimo primeiro disco de Laura Lamontagne & Picoamperio, candidato xa de entrada a estar entre os mellores do ano.
Tamén na primavera haberá novas producións de dous dos artistas máis relevantes do 2021, Ortiga e Grande Amore. O primeiro publicará un epé xunto a High Paw. O segundo un disco propio. E ambos unidos, o segundo traballo de Los Rastreadores. Ernie Records publicará ademais o novo disco de Santi Araujo, marcado pola dualidade. De feito publicarase o 22/2/22.
Ferror Records foi o selo galego máis inquedo do 2021. E non parece que vaia baixar a garda. Arranca con dúas fortes apostas. O 22 de xaneiro publican La muda o epé de Xackal que tantas expectativas ten xerado. E tamén en xaneiro sairá 19, un vinilo de 10 pulgadas de Sr. Anido. Para marzo quedan o segundo epé de Carlos Ordóñez, que tantos recoñecementos recibiu con Retortorio, e o segundo longa duración de Devalo. O selo ferrolán tamén publicará os novos discos de Garza e Músculo! en data aínda por definir.
Berto, a metade de Verto, estreouse no pasado outono con Viaxe ao espazo interior. En marzo coñeceremos o seu segundo disco, moito máis festivo e bailable. Tamén da man de Tremendo Audiovisual sairá a finais de ano o novo disco de Ataque Escampe e, tralo verán, o novo traballo -menos sixtie, avanzan- de Familia Caamagno, do que teremos varios adiantos nos vindeiros meses.
En decembro tivemos ocasión de coñecer un par de singles do novo disco de Dakidarría. O traballo ao completo verá a luz o 25 de febreiro. Tamén sobre esas datas descubriremos o debut de La Quinkillada, banda do Morrazo que promete dar moito que falar e que bailar. Tamén dentro da escudería de Culturactiva, Leilía publicarán o seu novo traballo en novembro e na primavera sairá o quinto disco do pianista experimental Javier Otero Neira.
Varios artistas que habitualmente protagonizan a escena musical galega deixaron pasar en branco o 2021 dende o punto de vista da creación discográfica. Non será o caso neste exercicio que acaba de comezar. En abril ou maio teremos novo traballo de Xabier Díaz pero esta vez sen Adufeiras do Salitre. «Será máis autoral, cunha perspectiva diferente», anuncia. Tamén Sés confirma que terá novo disco no 2022 se ben non concreta prazos. Sen saír do ámbito do tradi, Uxía fará dobre: en febreiro publicará o disco que gravou con Javier Ruibal e o seu Alalás e cantigas do Camiño aparecerá alá por maio. Malvela reaparecerán despois dunha década nesta primavera e Susana Seivane amosará as súas novas creacións no outono.
O 21 de xaneiro publícase Reviravoltas, de Cuarteto Caramuxo. Tamén por esas datas aparece o primeiro single do novo disco da Banda da Loba, que verá a luz íntegro en abril. En xaneiro sairá tamén Alén do mar, o primeiro dos dous discos que Carolina Rubirosa publicará este ano. O segundo, a edición física de Tierra de nadie, queda para abril ou maio. En torno a esas datas aparecerá tamén o novo de Elba. Tamén publicará dous álbums Wöyza. O primeiro, o propio, no que traballou todo o 2021, verá a luz en torno a abril. O segundo, o que gravou xunto a The Galician Messengers, sairá a principios de verán.
En febreiro aparecerá o primeiro single dunha serie de catro cos que reaparecen Terbutalina. Tamén o primeiro single de Allova, que irá publicando material novo cada dous meses ata completar o que seguro será un discazo a finais de ano. En marzo teremos a fantasía coa que sempre nos agasalla Nastasia Zürcher, así como o primeiro single do novo disco de Belém Tajes (listo para primavera) e o longa duración de Narci Rodríguez dA Trío.
Outro debut discográfico que agardamos con ansia é o de Zeltia e Irevire. Contan con telo no mes de marzo deste 2022, ao que rebautizan como «o ano da vacaloura».
Tamén para a primavera agárdase o epé de Hugo Guezeta (SonDaRúa). Xa no verán poderemos saber por fin do novo traballo de Agoraphobia. Ata outono nola fía Budiño para coñecer o sucesor de Fulgor, se ben teremos algún adianto na primavera. E Monoulious Dop, que anuncian sorpresas.
Pendentes de confirmar data queda tamén o novo de Furious Monkey House, tamén con sorpresa, e o primeiro disco tras 25 anos de Tony Lomba e Elio dos Santos. Só por isto, xa paga a pena.