As grandes estrelas do ano cultural galego

FUGAS

Ed

Bibiana Candia, Berta Dávila e Ledicia Costas foron as derradeiras protagonistas do 2021, que deixa polo menos 12 éxitos literarios, e «Virtudes (e misterios)» para non esquecer

31 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

palabra do 2021 en Galicia, a máis eurovisiva, a elixida recentemente polos usuarios do Portal das Palabras da Real Academia Galega, é Tanxugueiras. Pero este especial de Fin de Ano alumeado polas estrelas da nosa cultura ten outros nomes soados, boa compaña para cruzar ao 2022. Comezamos o percorrido final da memoria do 2021 polas letras, co propósito de ler ou reler os autores que acadaron os premios gordos, os andeis e os corazóns dos lectores (segundo os últimos datos que proporciona a Fugas a Cegal, a Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros de España) e aqueles grandes inmortais que non arrinca do escaparate das novidades o furacán de vento, chuvia, neve e pandemias dos anos, como son os casos de Xela Arias e Emilia Pardo Bazán.

Conclúe o ano Pardo Bazán, o ano Xela Arias, o ano que lamentou a perda dos inmensos Darío Xohán Cabana e Almudena Grandes, e que viu esgotarse as edicións de títulos como Non te amola!, da homenaxeada polas Letras Galegas. Mais este final é unha porta entreaberta. Aínda estamos a descubrir os contos de terror e de misterio da autora de La Quimera, e anda polo ar a pregunta que interesa aos curiosos, por non dicir a todos!: que foi das cartas eróticas que lle escribiu Pérez Galdós? «Ellos en su correspondencia hablaron de devolverse las cartas que se habían escrito... Si doña Emilia le devolvió a Galdós las cartas que él le escribió, no sé qué hizo él con ellas. Quien está claro que no se las devolvió fue él a ella», subliña Eva Acosta, autora de Emilia Pardo Bazán. La luz en la batalla, que pecha nestas páxinas a homenaxe a creadora das Torres de Meirás, á que compara coa historia de España.

Emilia Pardo Bazán, por Pinto & Chinto.
Emilia Pardo Bazán, por Pinto & Chinto. Pinto & Chinto

Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851-Madrid, 1921) pode ser a primeira badalada literaria para despedir ao grande, con festa de letras, o 2021, pois co anuncio do seu centenario comezou a andar o ano, e as homenaxes á condesa continuarán no 2022. Insolación, celebrada peza erótica reeditada por varios selos, e La Quimera foron algúns dos títulos máis vendidos do ano, segundo informa Efe, de Pardo Bazán, que deparou sorpresas como Los misterios de Selva, edición a cargo de Paz Gago que revela á escritora como pioneira da novela criminal.

Xela Arias (Lugo, 1962-Vigo, 2003), quinta muller homenaxeada no Día das Letras, é a segunda badalada dun ano que se empapou desde as rúas ás aulas, na medida en que o fixeron posible as restricións, da poesía con rock da autora, editora e tradutora que nos permitiu ler en galego a clásicos como Bram Stoker, Roald Dahl ou Gianni Rodari. Denuncia do equilibrio, Tigres coma cabalos, Darío a diario e Intempériome brillan entre as xoias da poeta que fixo «do corpo unha linguaxe» e que xuntaba en si «tres rebeldías: ter nacido muller, de clase baixa e de nación oprimida», en palabras de Manuel Rivas. As obras de Xela compartiron este ano o corazón dunha maioría de lectores e a etiqueta de supervendas con escritores como María Oruña (Vigo, 1976), unha das raíñas en vendas, a nivel nacional, co thriller Lo que la marea esconde, que suma seis edicións, ou Manuel Jabois (Sanxenxo, 1978), entre os máis vendidos do ano con Miss Marte, segundo os datos de todo o 2021 da Cegal.

Xesús Fraga coa novela gañadora do Premio Nacional de Narrativa 2021.
Xesús Fraga coa novela gañadora do Premio Nacional de Narrativa 2021. CESAR TOIMIL

Se eles son a terceira e a cuarta badaladas deste ano que remata, a quinta será Xesús Fraga (Londres, 1971), que acadou o Premio Nacional de Narrativa coa obra —a dura e emocionante novela da vida dos seus avós e dunha xeración que sacou adiante a familia e o país na emigración— Virtudes (e misterios), que as libreiras e bibliotecarias galegas foron das primeiras en recomendar e algúns vemos xa en formato teleserie. «A emigración está ateigada de grandes mulleres valentes ás que lles debemos tanto», advertiu o xornalista e escritor na primeira entrevista, en La Voz, tras a concesión do maior galardón nacional. Fraga é o cuarto escritor en galego en recibir o Nacional de Narrativa tras Alfredo Conde, Manuel Rivas e Suso de Toro. As Trece badaladas de De Toro levaron no 2003 o premio que a lingua galega estreou con Xa vai o griffon no vento. Alfredo Conde (Allariz, 1945) é outro dos nomes máis literarios do 2021, polo primeiro Premio de Relato Histórico Emilia Pardo Bazán co relato El batallón.

Sobre un grupo de universitarios de Santiago que recrutaron batallóns literarios para facer fronte ás tropas napoleónicas en 1808 e ás de Narváez en 1845 ármase este relato, premiado en novembro, do autor de Azul cobalto e María de las batallas.

José María Merino, en una visita a A Coruña.
José María Merino, en una visita a A Coruña. Eduardo Pérez

Unhas semanas antes, en outubro, sabiamos da que vén ser neste especial de Fin de Ano a sétima badalada literaria: José María Merino (A Coruña, 1941) recibiu o Premio Nacional de las Letras pola mestría como creador de literatura fantástica. Sucesor no palmarés de Luis Mateo Díez, o contista coruñés recibiu o galardón como un «regalo a los 80 años». En absoluto lacazáns son as ideas e os dedos do autor de La orilla oscura, El río del Edén e Aventuras e invenciones del Profesor Souto, que publicou este mesmo ano Noticias del Antropoceno, 50 relatos que denuncian coa chispa do humor o maltrato ao planeta. «El Homo sapiens se comporta como el Homo necius», dispara Merino.

Bibiana Candia, en el castillo de San Antón, de A Coruña.
Bibiana Candia, en el castillo de San Antón, de A Coruña. ANGEL MANSO

De necios é obviar o éxito de crítica e público de Azucre, un contrapunto ao relato de éxito da emigración galega que dá conta da verdadeira historia de case dous mil mozos galegos que viaxaron a Cuba no XIX para traballarse un futuro e remataron como escravos. A súa autora, Bibiana Candia (A Coruña, 1977), a nosa oitava badalada, acadou en tres meses a terceira edición desta epopea que comeza cunha epidemia de cólera e vén de recibir o 42.º Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba polo artigo «Una legión de señoras en bata», «unha homenaxe a nais e avoas que coidaron da terra», en palabras da súa autora.

A novena badalada, para a escritora Blanca Riestra (A Coruña, 1970), gañadora do Premio Blanco Amor pola novela Aquí empeza o mar, que fai un retrato xeracional e á vez da cidade da Coruña a través de diversos momentos da súa historia, converténdoa, segundo o xurado do galardón, «nunha gran personaxe colectiva», «retratándoa dun xeito orixinal e vívido, magnético».

A décima badalada é para Berta Dávila (Santiago, 1987), campioa sen fronteiras do ano literario en Galicia que sabe espremer nas letras as feridas sociais ata que brote a beleza. Gañadora de dous dos tres Premios Xerais 2021, en literatura xuvenil levou a distinción con Un elefante na sala de estar, e con Os seres queridos gañou o premio en novela. A autora de Carrusel aborda o tabú do suicidio en Un elefante na sala de estar, mentres que Os seres queridos invita á reflexión dende a historia dunha muller que queda embarazada e decide abortar cinco anos despois de ter o primeiro fillo.

Ledicia Costas (Vigo, 1979), unha das clásicas favoritas dos nenos e os mozos e non só galegos, recibiu este decembro o Premio Merlín por O neno de lume, a historia dun rapaz peculiar que apareceu nun cesto sendo un bebé xunto a unha misteriosa nota; no seu ombro leva a Luminaria, unha pequena chama que só el ve e coa que pode falar. A undécima badalada para celebrar o ano vai por ela, que publicou amais a súa segunda novela para adultos, Golpes de luz, cunha forza narrativa e un humor negro que espilen a calquera e a memoria da pandemia da heroína que sufriu Galicia nos oitenta e os noventa, levando a tantos por diante.

A duodécima badalada é para Darío Xohán Cabana (Cospeito, 1952 -2021) por todo. Por facer de Dante un divino galego.