Álex Guillán: «Baiuca naceu cunha dimensión mundial»

FUGAS

Baiuca
Baiuca

O 2021 foi o ano de «Embruxo», un dos discos máis salientables e con máis repercusión. «Parecíame absurdo esperar a que situación cambiara para sacalo», afirma Guillán

30 dic 2021 . Actualizado a las 21:39 h.

Este ano tan estraño foi moi especial para Baiuca. Serviu para que Álex Guillán consolidase un proxecto que sorprendeu a moitos con Fulgor (2018) e que se encontraba en total expansión internacional antes da pandemia, con miras a xirar por Europa e Asia. Aquel parón non se empregou para chorar nunha esquina, senón para crear Embruxo (2021), un dos discos do ano. «Parecíame absurdo esperar un ano mais a que a situación cambiara para sacalo. Foi un bo ano no artístico. Podería ser mellor? Obviamente si, no sentido de gozar máis de toda a xira, porque foron moitos concertos coa xente sentada. A partir do outono coa xente de pé, foi algo tremendo», explica.

­—Encheu La Riviera, en Madrid. Hai uns anos ese era o certificado de viabilidade dun proxecto alternativo. Sentiuse así?

—Si. Non se deron moitas ocasións nas que un proxecto galego, cun repertorio que nun 90% é na nosa lingua e cunha música que ten total relación coa nosa terra, encha un sitio así. Iso é o mais salientable de todo. O que facemos aquí está chegando a xente de Madrid e de toda a península. Iso foi o que reivindiquei cando cheguei alí e vin a tanta xente.

­—Está tamén aí o caso das Tanxugueiras con Eurovisión. Pode que o 2021 sexa o ano de rachar con esa barreira idiomática?

—Pode selo. Eu penso que cada vez que ocorre algo así o que vén detrás xa ten a convición de que pode facer aínda máis. Para os novos proxectos é unha motivación ver que hai artistas que chegan a esas cotas. E para o público de aquí é moi motivador. Moitas veces somos nós mesmos os que pensamos que os proxectos galegos non poden estar ao nivel dos outros. E agora estase rachando con iso.

­—E todo iso con proxección internacional, pese ao covid e as súas restricións.

—Si, este ano volvemos pillar avións. As viaxes a Ecuador e Colombia foron moi interesantes. A principios do 2022 irei a Estados Unidos e hai outros países de Sudamérica cos que estamos a punto de pechar datas. Hai posibilidade de viaxar a Francia e Portugal o ano que vén tamén. Baiuca naceu cunha dimensión mundial e sempre quixen que fose así. Non tiña unha dimensión galega, nin peninsular. Non hai que poñerse barreiras.

—Ten unha especial interese por Colombia. Está máis cerca Baiuca de Bogotá ou Londres?

—Si. Ocorre que, ás veces, vas a un país e tes unha conexión moi grande con el. A aventura en Palenque, un pequeno pobo en Cartaxena de Indias, foi unha experiencia moi boa. De aí vai saír música dentro dun proxecto que fixen con Mitú e Estrellas del Caribe, grupos colombianos cunha influencia africana moi grande. Estiven cinco días e foi algo marabilloso. Saíron oito ou nove cancións coas que teño que traballar agora.

—Xa que fala de África, vostede acabou nas páxinas de internacional debido a que lles pillou un golpe de estado en Sudán.

—É curioso como unha cousa extramusical espertou tanto interese. Para algúns medios foi máis importante iso que sacar un disco [risas]. A situación alí foi estraña. Nunca te imaxinas vivir algo así, pero ao final queda a experiencia: catro días pechados na residencia da embaixada española esperando a que se arranxase o tema.

—Para moita xente Baiuca son «os de Sudán». Como se sentiu?

—Si, despois de volver era así [risas]. Non quixen aproveitar ese tema en exceso. Tiven moitas chamadas e algunha entrevista, pero non me apetecía volver e, de súpeto, estar falando só diso e non de música.

—Que fará no 2022?

—Nos primeiros meses unha xira por salas, ata marzo. Teño algúns remixes de artistas latinos e, logo, a darlle voltas ao que farei musicalmente. Non teño nada para publicar aínda, só cousas en mente. Vai ser un ano de festivais, de volver a ese formato que me apetece moito.

—O 25 de febreiro actúa en Pelícano que, a nivel galego, pode equivaler a La Riviera.

—A Coruña é un lugar moi especial. Os concertos en salas son diferentes. Non é como ir as festas dun pobo ou un festival, senón que estas sempre pensando se vendes os boletos. Cando enches ves que é unha data que pode ser mítica para unha banda. E esa da A Coruña podería selo.