Lecturas de Nadal das que quedan na memoria

Ramón Nicolás

FUGAS

-

Velaquí unha escolma posible dentro das lecturas para estas datas seleccionadas entre a poderosa produción literaria na nosa lingua. Dúas novelas, dous libros de poesía, un ensaio sociolóxico e un exercicio biográfico que exhiben, de seu, innegables doses de calidade e interese

24 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

-

«Pérez. Historia dun triunfo»

Llerena Perozo Porteiro

  Esta estrea é unha novela sólida que se sustenta no perfecto deseño dos personaxes, na acaída estrutura e na verosimilitude transparente coa que erixe un exercicio de vontade reivindicativa onde circula un humor acedo. Todo grazas ao deseño dun personaxe abxecto que se vai espindo para evidenciar o seu «triunfo» mentres personifica o máis execrable da brutalidade machista. Non se esquece a exhibición do seu autoritarismo nin ese revestimento de inmunidade e tolerancia que, en tantas ocasións, se lles agasalla a personaxes (léase persoas) así.

«Migrantas»

María Alonso Alonso

 Baixo o subtítulo de «A nova diáspora galega contada por mulleres», a autora ofrece unha crónica sociolóxica relevante para destecer e coñecer, sociolóxica, económica e culturalmente, o devalo migratorio galego, especialmente o protagonizado por mulleres nestas últimas décadas. A escritora racha con esa idea patriarcal da emigración galega. A través de doce entrevistas con mulleres fican nesta obra para levar na maleta cara ao ano que vén outros tantos testemuños desemellantes, e comúns nalgúns aspectos, que reflicten unha realidade migratoria afastada de patróns anteriores e que non sempre é cómodo nin doado recoñecer na súa xusta medida.

«Alejandro Viana»

Roberto Mera Covas

 Steven Spielberg popularizou a figura de Schindler e Roberto Mera fai outro tanto, nun traballo seriamente documentado, coa figura do seu tío bisavó: o empresario e político ponteareán Alejandro Viana (1877-1952), radicado en Vigo durante anos. O seu compromiso coas liberdades levouno a organizar desde Francia expedicións marítimas que posibilitaron a fuxida de milleiros de refuxiados a América. Este libro que ficará na memoria incorpora, asemade, a descrición da verdadeira odisea que supuxo a súa chegada a México, onde faleceu.

-

«O sol era ela»

Medos Romero

 Dicir Medos Romero é nomear unha das nosas voces poéticas máis poderosas que existen na actualidade. Confírmao este recente Premio de Poesía Afundación 2021 prologado con excelencia pola tamén poeta Eva Veiga que fala das «punzadas que emerxen» nestes poemas.

Así é: con elas recuamos ao comezo de todo, a un mundo natural primixenio que é acubillo desde onde explicar a relación entre o ser e a dor, sentimos o gromo do desarraigo e a vulnerabilidade e materialízase, en palabras, ese desexo infinito de consolo derivado dunha orfandade que todo o asolaga.

«Sibila»

Rosa Aneiros

 «A memoria é», afírmase nesta proposta da narradora Rosa Aneiros, e talvez sexa este un exercicio de ficción arroupado pola memoria que se chanta nos carreiros dunha illa singular e das xentes que a poboan. Un territorio que é espazo de extinción, cárcere ou salvación ao mesmo tempo; unha metáfora do noso tempo. Aneiros constrúe unha espiral narrativa absorbente na que agroman as esperanzas truncadas, a maternidade, os coidados ou a vellez, serpeando por terreos de ficción onde as vinganzas, os reencontros, a tenrura e o outras epifanías chegan a converterse en algo tanxible e operativo para reflexionar.

«Desnortada»

Rosalía Fernández Rial

 A escritora Rosalía Fernández Rial (Carballo-Muxía, 1988), unha das grandes novísimas das nosas letras, concibe a poesía como un exercicio de carácter transversal que dialoga sempre con outras manifestacións creativas. No caso de «Desnortadas», a poeta faino tamén coa linguaxe da música, ao incorporar un cedé con oito poemas que recita e con composición musical e interpretación ao acordeón a cargo de María Álvarez. «Desnortada», un poemario de feliz xinea manueltoniana, abala coa forza do nordés, a surada e outros ventos que serven para construír unha cartografía desde a que se convoca o salitre, as derrotas, os corpos, o amor e unha inequívoca sensualidade.