Dakidarría testemuñan que «somos un pobo de artistas»

FUGAS

Unha imaxe do vídeo colectivo «Pobo de artistas», gravado en Bueu, adianto do novo disco de Dakidarría.
Unha imaxe do vídeo colectivo «Pobo de artistas», gravado en Bueu, adianto do novo disco de Dakidarría.

A banda publica un adianto do seu novo disco, un tema con vocación de himno e cun videoclip no que participan 80 grupos e artistas galegos

30 dic 2021 . Actualizado a las 07:59 h.

Un conclave único, inédito e dificilmente repetible, formado por 80 grupos e artistas galegos corea: «Somos un pobo de artistas / e traemos unha mensaxe, / sempre contra o poder / non nos van facer desaparecer». Deste xeito comeza o videoclip de Pobo de artistas, a canción que a modo de adianto do seu vindeiro disco veñen de publicar Dakidarría.

Aínda que é a banda do Val Miñor a que asina o tema, en realidade é unha composición coral que reivindica precisamente a colectividade e a unidade entre os músicos galegos. «Facernos fortes sendo comunidade», explica Gabri, vocalista de Dakidarría.

Conta o propio Gabri que a idea de facer este tema xurdiu «para homenaxear e animar ao colectivo de músicos do país, que fomos os primeiros en parar e non acabamos de volver nunca». A partir de aí xurdiu a idea de plasmalo tamén en colectividade. «Empezamos a chamar e a explicarlle á xente o que tiñamos en mente e a resposta foi brutal. Das bandas ás que chamamos asistiron o 80 ou o 90 %, e os que non viñeron foi porque tiñan traballo ou ese día lles era imposible».

O resultado final é un emotivo, intenso e vibrante videoclip de case seis minutos no que os músicos percorren as rúas de Bueu para rematar nunha festa colectiva rexistrada no Aturuxo, o templo da música en directo do Morrazo.

O vídeo é en si mesmo un reflexo da efervescencia da actual escena musical galega e da súa pluralidade. Por alí asoman Tanxugueiras, O Ravelo, Ezetaerre, García Mc, High Paw, Mounqup, O Sonoro Maxín, Festicultores, Pauliña, Rebeliom do Inframundo, Wöyza, Zeltia Irevire... Así ata 80 bandas e artistas. «Hai dez anos sería impensable ver tanta variedade musical en tantos proxectos en Galicia. E a maioría en galego, ademais», expón Gabri. «Hai música en galego de todos os estilos, cun criterio de calidade moi alto. E iso tamén hai que resaltalo. Aquí temos un cravo ardendo onde agarrarnos».

A canción comeza e remata coa mesma declaración de principios: «Non nos van facer desaparecer». O vocalista de Dakidarría explica a razón. «Nós temos a sensación de que a cultura galega leva sendo perseguida dende hai moitos séculos, pero sempre soubemos rexurdir. E iso é un pouco o que cantamos. Con esta realidade musical que temos no país vai ser difícil que nos fagan desaparecer. E máis se estamos orgullosos de nós mesmos e somos conscientes de que somos unha piña e de que todos estamos ao mesmo».

O primeiro paso está dado e rexistrado. E outros máis veñen en camiño. «Agora mesmo, detrás de Pobo de artistas tamén hai un grupo de WhatsApp xigante no que falamos e compartimos as nosas cousas e no que xa se están propoñendo ideas que poden chegar a saír adiante».

Pobo de artistas é o primeiro adianto do novo disco de Dakidarría, que verá a luz o 25 de febreiro. «Titularase Collage —adianta Gabri— porque nel están representadas as distintas vertentes musicais das que fomos bebendo durante os nosos 18 anos de historia. Concibímolo como unha homenaxe á nosa carreira e a esas diferentes subculturas ás que nos fomos achegando».

É Pobo de artistas unha canción con vocación de himno?, pregúntolle ao vocalista. «Si, pode ser. Pode ser o himno deste momento musical do país. E ao ser cantado por tanta xente xa evoca un himno, non?». Pois si, claro que si.