Do primeiro Darío Xohán Cabana: a época de «Sécolas»

Ramón Nicolás

FUGAS

PILAR CANICOBA

Como alumno de Alonso Montero, en 1969, contestou unha enquisa que dá mostra dos gustos, intereses e os seus libros preferidos

26 nov 2021 . Actualizado a las 16:25 h.

Escribiuse estes días pasados sobre o perfil humano e o significado da achega literaria de Darío X. Cabana. Pode resultar tamén suxestivo asomarse á fase na que o poeta, moi novo, procuraba a súa voz pois esta época desvela, por extensión, a fidelidade a unhas conviccións iniciais que, se ben naturalmente matizadas ou moduladas, van sobrevivir nel sempre.

Corrían os primeiros días de 1969 e Xesús Alonso Montero, profesor seu no instituto de Lugo, decide facerlle chegar unha enquisa co obxectivo de integrala nun proxecto ideado baixo a denominación de Dicionario da nova literatura galega. Bo tino o do profesor pois sabía ben da potencialidade que atesouraban Darío e outros alumnos seus naquela época. Dispomos da publicación deste libro en Edicións Xerais desde esta semana e nel reflíctense as respostas ao inquérito, e outro material, do propio Darío e mais dun relevante número de voces —oitenta e seis en total— entre as que se contan as de Novoneyra, María Mariño, Álvarez Torneiro, Anisia Miranda, Casares, Cribeiro, Bernardino Graña, Neira Vilas, Manuel María, Carme Kruckenberg ou Reimundo Patiño entre moitas outras.

No bloque inicial das preguntas, que pescudan no ámbito biográfico e literario, confesa o seu pseudónimo —Funqueiro— e que cursaba quinto curso de bacharelato superior. Como traballos non intelectuais revela que se consideraba labrego, ao que engadía: «Fillo e neto de labregos con alugar alugado». Asemade, describe os galardóns literarios recibidos: dous accésits en 1968 —nun certame sobre Concepción Arenal, organizado polo Colexio de Avogados e nun premio de poesía do Colexio Menor, ambos de Lugo—, ademais doutros recoñecementos obtidos nun concurso do INEF que virían conformando, así pois, as súas primeiras mostras literarias públicas.

Era natural que daquela a memoria non o traizoase e informa sobre o seu primeiro texto publicado en lingua galega, no Nadal de 1968, en forma de carta ao director a un xornal coruñés, «encol da nosa fala». A isto súmalle a redacción de letras para a Nova Canción Galega, ás que poría música e voz Antón Campelo, e refire a existencia de poemas e «unha ducia e pico de contos e varios ensaios en col de temas sempre galegos. Entre os contos unhos cantos populares i anécdotas galegas recolleitos por min, reunidas no folleto inédito Sécolas», testemuño da a súa prematura vocación polas letras. A estes incorpora, nun ítem sobre o seu labor creativo en castelán, que contaba con «varios contos i algunhas poesías» ao que engade «hoxe xa non escribo nada en castelán».

As respostas de perfil máis sociolóxico deita datos suxestivos e que definen aspectos que atinxen á súa formación lectora: como escritores que máis influíron nel apunta Neira Vilas, Curros, Castelao, X. Alonso Montero, Celso Emilio e Miguel Hernández e as catro voces que entende como máis relevantes serían «Curros, Rosalía, Castelao, Celso Emilio e Neira Vilas (van cinco)».

Asemade, destaca como libro galego que urxiría reeditar O Divino Sainete e, como autor galego que cumpriría pór en valor, a Castelao e a súa obra ensaística. Alén diso, inquirido sobre a necesidade dunha «Academia da Lingua» para a cultura galega —institución na que entraría no ano 2006 ocupando a cadeira de Manuel María— explica: «Si, sempre que non seña un instrumento de fosilización do idioma» e arredor dos libros máis relevantes desde a década dos sesenta apunta Longa noite de pedra e Memorias dun neno labrego. Ao mesmo título de Celso Emilio remitirá cando se lle cuestiona sobre os libros que «máis falta nos fan», ao que engade Realismo y conciencia crítica en la literatura gallega de Xesús Alonso Montero.

Por volta dos temas que descoidaba a literatura galega responde: «Algúns esquirtores que todos sabemos e que son moitos, descoidan, millor dito, non se coida, a realidade do home galego no seu tempo e na súa terra, e vanse de cabeza ó aburguesamento de intemporalidade e impersonalidade, refugándose no ´folklore` e na escuridade dos tempos devanceiros».

Velaquí o deseño do primeiro Darío X. Cabana nas súas palabras: un punto de partida para quen, andando o tempo, nos deixaría mostras literarias resplandecentes que perdurarán na nosa memoria.