O selo Xerais recupera trinta anos despois unha nova edición da primeira novela de Manuel Rivas, revisada polo autor
08 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Corría o ano 1991 cando Manuel Rivas daba ao prelo a súa primeira novela, Os comedores de patacas. Xa entón era un destacado poeta e tamén un recoñecido autor de relatos, como aqueles que xuntou en Un millón de vacas e cos que conseguiu o Premio da Crítica Galega. Nesas páxinas encontramos un tema de fonda pegada na súa escrita: a Galicia tradicional en contraposición á Galicia moderna, sen transición e abrindo un camiño de destrución e despoboamento.
O título da primeira novela curta de Rivas leva o nome dun dos cadros máis coñecidos de Van Gogh, Os comedores de patacas. O pintor quixera retratar entón a humildade con que vivía a xente traballadora, de mans deformadas, que xantaban as patacas que cultivaban. Rivas sentía predilección por aquela pintura do século XIX e observaba como en Galicia, un século despois, aquel sistema de autoabastecemento esmorecía.
Na cidade, Samuel loita por desengancharse da heroína, unha lacra que condicionou a máis de unha xeración na década dos oitenta. Súa nai, viúva, non é quen de apartalo dun vicio que o destrúe e que fai que delinca, que transite polos lugares máis lúgubres da cidade. Un mal xiro de volante lévao a un hospital, onde convive durante uns días cun home de idade avanzada que lle pregunta se escoita a curuxa ou o muíño. Aquel mundo tan próximo élle moi afastado ao adolescente que ten unha imaxe do rural fría, de atraso e pola que non sente ningún interese. Con todo, a vida lévao á aldea familiar, alí segue a avoa e as ferramentas do avó, tamén o seu pasado, a súa infancia, os xogos dos primeiros anos. Aquel lugar parece intacto, a el non chegou a globalización. O lume da lareira «prende nos ollos como un feitizo» e pregúntase que cor darán os corpos ao arder. A avoa cultiva dalias, calas e crisantemos para os mortos a carón das coles.
O selo Xerais recupera trinta anos despois unha nova edición revisada polo autor. A obra segue de actualidade e cada vez sufrimos máis ese modelo económico capitalista e totalizador, que non admite outras formas de vida. Con esta novela regresamos ao útero materno, a esa Galicia que se foi perdendo.