Melania Cruz: «Á xente machista do cinema quédalle moito por aturar»

FUGAS

Lucía R. Regueiro

A actriz presenta mañá no Festival de Cine de Ourense «Malencolía», o novo filme de Alfonso Zarauza, no que ten un papel protagonista

23 sep 2021 . Actualizado a las 18:25 h.

Acadou o Premio Mestre Mateo a mellor actriz polo seu papel en Ons e agora volve a traballar con Alfonso Zarauza en Malencolía, un filme con influencias do terror. Melania Cruz (Lugo, 1983) admira a Agnès Varda e Margarita Ledo, «mulleres que non teñen medo a falar e fan o seu traballo con paixón», algo que tamén se pode dicir dela.

­—Como foi a rodaxe de «Malencolía»?

—Foi un dos procesos que máis gocei na miña carreira, cun equipo técnico e humano marabilloso. Interpreto o papel dunha muller que volve, coa súa parella, a Galicia, a vivir nunha aldea á procura de tranquilidade, aínda que atopan sorpresas... Hai moito suspense e Zarauza xoga coas claves do xénero do terror e a comedia negra. É unha mestura que creo que pode ser interesante.

­—Que supuxo para «Ons» ser a máis vista da semana cando chegou a HBO?

—Foi un fito totalmente inesperado. É moi grato saber que un filme que se fixo cos medios de Ons, que non foron moitos, pode ter ese percorrido e máis no día de hoxe, cando as plataformas son tan importantes na distribución. Porén, tamén temos que coidar os festivais e as salas, para que o cinema galego siga medrando. Estamos nun momento importante para esta industria, no que hai varias creadoras facendo cousas moi diferentes con linguaxes visuais moi distintas e isto é enriquecedor. Estase demostrando que o que se fai aquí abre portas, independentemente do idioma no que se fala.

­—Había complexo de inferioridade na industria?

­—A autoestima é unha cousa na que deberíamos traballar e estase demostrando que as cousas que estamos facendo aquí teñen moito coidado e poden estar en festivais a nivel internacional. A xente apréciao moito porque se fai con moito rigor, coidado e ilusión, e iso nótase no resultado.

—No panorama artístico galego debería falarse máis de machismo?

­—Hai xente que di: «Xa estades outra vez con iso», e non, acabamos de empezar. E cada vez imos a máis. Levamos moitos anos caladas e sufrindo situacións que os homes no meu lugar non teñen que aturar. Agora que estamos gañando conciencia, o lóxico é que nós tamén queiramos traballar en igualdade de condicións, que non por ser mulleres teñamos que aturar determinados comentarios, xa non me refiro a comentarios babosos... Quero que a min me falen igual e que me teñan o mesmo respecto porque eu son tan profesional como calquera actor. Á xente machista que está no cinema quédalle moito por aturar, e a recomendación que lles faría é que miren ao seu redor, que, ao fin e ao cabo, se estamos neste mundo para contar historias, hai que contar as historias que están sucedendo. Os tempos cambian e aquí estamos. Queda moito por facer, pero estamos atentas ao que veña para poder darlle forma a un panorama diferente.

—Coa túa compañía teatral, A quinta do Cuadrante, rescatades unha historia de Charlotte Perkins, unha autora descoñecida aquí…

—Eu lin o relato O empapelado amarelo no ano 2008, e foi acabalo e xa sabía que quería contar iso en teatro. Había moitas cousas no texto que quería explorar. Cando comezamos a traballar nel, no 2018, o relato estaba moi vixente e comezouse a editar en libros. Nel fálase da depresión, que é un tema moi tabú a día de hoxe, do mansplaining, dos roles masculinos e femininos no matrimonio... Eu pensei que, con tantos anos polo medio [o relato é de 1891], deberíamos ter avanzado moitísimo máis. A autora tivo un papel moi valente na sociedade do seu tempo, separándose, deixando a filla ao coidado dunha amiga… É un comportamento moi contemporáneo que aínda hoxe a sociedade non sei se está preparada para asumir que ás mulleres tamén lles pertencen eses espazos de decisión e liberdade.

­—Agora, tamén estás xirando coa obra teatral «A lúa vai encuberta», de Manuel María, na que se reflexiona sobre a historia recente de Galicia. Por que é iso importante?

—Cando volves a vista atrás e ves os grandes conflitos sociais, descobres que se volven repetir, con causas e consecuencias moi similares, e pensas: «Non aprendemos nada?». Canto máis saibamos, máis ferramentas teremos para enfrontarnos aos conflitos que veñen. Manuel María fai un percorrido pola historia de Galicia dende 1936 ata os 70, e nós o que fixemos foi ler moito e preguntar moito sobre as cuestións das que fala. Explica moito a sociedade que temos hoxe en día e sucesos como o desmantelamento das industrias que tiñamos aquí.

—Que é o que máis che preocupa da sociedade actual?

—A saúde mental é algo urxente de atender. Preocúpame a pobreza, a falta de políticas sociais para os colectivos máis desfavorecidos, o auxe do fascismo e que o fascismo entre nas institucións como se non acontece nada. A cuestión do cambio climático e a sostenibilidade porque estamos espoliando a terra. Sóbennos a factura da luz cando Galicia é dos maiores exportadores de enerxía...

—Cal é o papel que ten a arte nisto?

—A arte é moi persoal e cada quen pon as súas preocupacións e intereses nela. Polo que a min respecta, cada vez tendo máis, nos meus procesos creativos, a falar do que me preocupa e reflexionar sobre os temas que trato para poder sacar aprendizaxes.