Soñar cun agosto e un libro infinitos

Ramón Nicolás

FUGAS

Irene Vallejo, autora de «El infinito en un junco»
Irene Vallejo, autora de «El infinito en un junco» Siruela

17 sep 2021 . Actualizado a las 11:26 h.

Reservei o mes de agosto para ler este libro e dilatei, talvez conscientemente, a súa lectura, algo infrecuente na anarquía impenitente que goberna as miñas lecturas. Ao pouco de pasaren os días e as páxinas soñaba que oxalá este agosto, a carón deste libro, fosen infinitos. Ambos os dous non o foron mais, con todo, un séntese afortunado por acceder ás páxinas dun ensaio ambicioso como este que subscribe Irene Vallejo e que chega a nós en excelente tradución de María López Suárez. Sen dúbida, todo o bo ouvido e lido sobre este libro estaba ben sustentado.

Vallejo mergúllanos, así pois, na poderosa historia que rodea o libro, e tamén o exercicio da lectura, focalizando o seu devalar sobranceiro na memoria e nas transformacións que se operaron desde as súas orixes. Para iso outórgalle especial atención ao trato que gozaron, ou sufriron, os libros desde a Grecia e a Roma clásicas para repartir con tino necesarios excursos que estenden as reflexións sobre as persecucións de que foron obxecto, sobre as librarías e os hábitos de lectura e, non quero obvialo, esas páxinas brillantes en que a autora se achega ás súas propias vivencias persoais, relata acontecementos históricos ou exerce como crítica literaria. Faino con sutileza e elegancia, manexa documentación e lecturas sen que un se sinta abouxado e expono todo cun discurso tan diáfano e directo —case diría familiar—, mesmo en ocasións irónico e retranqueiro, que un non pode sentirse máis que agradecido polo feito de que alguén idease esta singradura marabillosa e que construíse unha cartografía, unha viaxe que, no fondo, ilumina o que fomos, o que somos e o que seica queremos ser as persoas que non imaxinamos unha vida sen libros. Un libro que, ademais, ten a virtude de ir abrindo camiños, anima en segredo a recuperar lecturas e descobre moitas outras.

O infinito nun xunco, permítaseme ser parte xa desta tribo, é un dos grandes acontecementos literarios que nos trae este comezo de década. Sei que a autora comprometeuse especialmente, porque sabe da importancia da tradución, con esta versión en lingua galega. Un verdadeiro galano que aplaudo afervoadamente.