Escritores galegos de menos de 30 anos que debes seguir

Carme D. Prol / S. F.

FUGAS

fugas

Unha onda de escritores novos enchen as librarías galegas con obras de todos os xéneros

15 sep 2021 . Actualizado a las 20:15 h.

Estes mozos e mozas galegos, se teñen unhas desas clásicas listaxes de «cousas que facer antes dos 30», non deben preocuparse polo tema literario, xa teñen un libro publicado. Representan a unha nova xeración de autores que non lle teñen medo a nada, tocan todos os xéneros e todos os temas para encher as baldas das librarías de diversidade.

O último en publicar é Adrián Gómez (Rianxo, 1994), gañador da última edición do certame Xuventude Crea na modalidade de Novela Curta coa obra Cando sangren os lobos, publicada esta semana pola editorial Xerais. Unha historia de crime e misterio que ten lugar en Compostela, onde dous irmáns tentarán atopar a un asasino solto, nun entramado de «lobishomes, meigas e segredos de antigas familias que, de non ser resolto, porá en perigo a vida de todos os habitantes da cidade». Unha historia para non perder.

Ismael Ramos (Mazaricos, 1994) publicou por primera vez con só 22 anos o poemario Os fillos da fame, co que gañou o Premio Johán Carballeira. A súa última obra, que viu a luz en maio deste ano, é Lixeiro, un poemario no que fai «unha reflexión sobre os desencantos do presente e a procura dunha trascendencia que non chega», tocando temas como «a precariedade, a amizade no transo á idade adulta...».

Música e letras

O caso da ilustradora Laura Romero (Alicante, 1991) e da filóloga Iria Pedreira (Ordes, 1991) é o de dous novos talentos que decidiron xuntarse, unha coas imaxes e outra coas palabras. A música é o nexo de unión e de aí naceu Ferreñas e Rock and Roll, unha «crónica ilustrada das nosas músicas máis senlleiras» coa que acadaron recoñecemento no II Concurso de ideas Luísa Villalta de proxectos culturais pola igualdade convocado en 2018 pola Deputación da Coruña. A obra «outorga protagonismo a trinta e unha músicas ou formacións integramente femininas que marcaron un antes e un despois tanto nos seus respectivos estilos como no conxunto da música galega». Por separado, Laura Romero ilustrou recentemente a obra XelArias. Palabra á intemperie, na que, xunto a Emma Pedreira, presentan a protagonista das últimas Letras Galegas. Iria Pedreira, pola súa parte, publicou en 2017 a primeira tradución ao galego dos Caracteres de Teofrasto, dentro da Colección Vétera de Rinoceronte Editora.

Na tradución tamén destaca a voz de Jesús Castro Yáñez (A Pastoriza, 1992) coa antoloxía Campo de Plumas, poemas LBTB+ para a mocidade dende a antigüidade ata hoxe, na que reúne a autores de todos os tempos que dan conta das diversas identidades e orientacións sexuais, publicada este ano por Sushi Books. Como poeta, colaborou con revistas como Dorna ou Ligeia e xa ten unha traxectoria destacada con premios como o Premio nacional de poesía Pérez Parallé, acadado en 2015.

Por último, no eido da banda deseñada, destaca Anémona de Río, o nome detrás de Aldara Álvarez (Vigo, 1995). O seu primeiro libro é do ano 2013, cando entrou na escola de cómic e banda deseñada, O garaxe hermético, e gañou o Premio Fin de Curso con Tam, publicada por Retranca Editora. No 2019 voltou as librarías con A proba de auga, unha banda deseñada sobre as aventuras dunha pinga de auga.