Mounqup: «En Galicia podo expresarme sen sentir vergonza»

CARLOS CRESPO

FUGAS

Santi M. Amil

Máis salvaxe, visceral e apegada á terra que nunca, Mounqup estreará «Akelarre», o que será o seu terceiro disco, no Sons da Canteira

27 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non foron tempos doados para Mounqup (Nantes, 1986). Ao confinamento na aldea, á falta de traballo e á distancia coa familia, sumóuselle unha ruptura sentimental. Todo iso queda reflectido, dun xeito visceral, case violento, en Akelarre, o seu novo disco, que se publicará en setembro. Un disco que, confesa, naceu coa idea de facer unha homenaxe á natureza galega «para xustificarme a min mesma por que sigo aquí a pesar de que as cousas se me puxeron tan complicadas».

-E descubriu por que non quere marchar?

-É bastante difícil de explicar. Estou botando raíces aquí... Porque é que, jo!, a xente considérame aquí máis galega que francesa me consideraron nunca os franceses.

-Di que este novo disco naceu cunha idea e rematou con outra.

-Si, durante o confinamento deume por soñar e quixen facer un disco cos sons dos meus paseos pola natureza, montándome as miñas historias. E comecei a compoñer. Primeiro a pedra, logo a auga... Pero mentres estaba compoñendo o disco, cortei co pai da miña filla. Entón, nel mestúranse esas ensoñacións que me levan a quedarme en Galicia coa dor e cunha necesidade de purificación e de cambio total. De aquelarre. Neste disco hai tristeza, hai burla, hai rabia, hai esperanza..., moita. E hai amor. Pola terra e pola miña filla. É un disco de exorcismo.