Memoria de superación

Ramón Nicolás

FUGAS

Tara Westover, autora de «Unha educación», un exemplo de superación
Tara Westover, autora de «Unha educación», un exemplo de superación

«Unha educación»: un «bestseller» mundial traducido con excelencia ao galego

20 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un libro de memorias suscita interese se encerra algo substancioso que contar e, asemade, se ese relato que apela á evocación e descrición das experiencias vividas abraza unha estrutura atinada e amosa un rexistro fluído e efectivo para acadar o seu obxectivo. E Tara Westover (Idaho, 1986) asume a importancia destes elementos para compor o seu primeiro libro, Unha educación, traducido con excelencia ao noso idioma por María Alonso Seisdedos. Libro que, por outro lado, se converteu nun éxito internacional salientable.

Talvez as causas que explican os acertos deste libro radiquen en tres aspectos fundamentais. O primeiro fai referencia ao deseño dun universo coñecido con superficialidade e un tanto enigmático como é o dos mormóns fundamentalistas, contado desde dentro coa ollada posta na descrición dunha familia onde agroman desexos -ineludibles- de liberdade nalgúns dos seus membros -Tara Westover incluída- e as tensións que isto xera na concepción dun mundo onde o asexo dos infieis ou a preparación para unha previsible Fin do Mundo focalizan unha visión do mundo singular e, por veces, cruel e insólito.

O segundo vai da man do pormenorizado relato da vida da protagonista e narradora, que se beneficia dos diarios que conservaba e que transmiten o día a día dunha persoa á que se lle prohibe asistir á escola, que tivo como aula un monte de ferralla e como libros de textos moreas de metal. Sen pretendelo, talvez, constrúe e revela un plan de superación persoal, que pasa por atopar unha saída diante de acontecementos gravísimos que se dan no seo familiar e onde se somete a capítulos de violencia, maltrato e manipulación psicolóxica.

E nesa loita continua por non renderse preséntase como clave -e velaquí o terceiro aspecto- a formación e a educación, sobre todo eses momentos epifánicos onde tanta relevancia teñen o que non sabe, o que está por descubrir: aquilo que lle foi ocultado. Tara Westover ofrece un libro de funcionalidade didáctica que subliña a importancia que ten aprender a pensar por si mesmo.

Ademais, e por fortuna, a autora foxe á mantenta do lacrimóxeno soño americano. Moi recomendable.