Isaac dende os ollos do seu fillo

Amara fontao A CORUÑA

FUGAS

Gema García

Díaz Pardo foi unha das luces que alumearon na longa noite de pedra, un labor que procura difundir a mostra «As miradas de Isaac»

22 ago 2021 . Actualizado a las 22:08 h.

Gabardina até os pés e pucho na testa. Unha figura cruzaba a praza de Pontevedra da Coruña unha noite de agosto do 1936 para agocharse seis meses no faiado dun familiar. Con oitenta e cinco anos de diferenza, percorremos as mesmas rúas que o Isaac Díaz Pardo de dezaseis, acompañado do seu fillo, Xosé Díaz Arias. Pero cun destino ben distinto: a exposición As miradas de Isaac.

Visitar a mostra é mergullarse na particular cosmovisión de Isaac, a través dunhas cincocentas obras de arte. Pero as creacións non son só del. Ao longo da exposición van aparecendo cadros, fotografías e experiencias vinculadas a moitos nomes, a moitas persoas que formaron parte da súa vida e do seu tempo. Algunhas destas, coma Luís Seoane, Maruja Mallo ou Castelao, son agardados polo público, mais outras coma Camilo José Cela nunca imaxinamos que se terían cruzado con Isaac. Non é só a capacidade de falar con xente moi diferente o que explica o xeito de ser deste home renacentista á galega, senón o interese por facelo. Inquedanza por todo e forza ante todo son as palabras que mellor o definen.

A figura coa que comeza o percorrido pola exposición é o artista, escenógrafo e pai de Isaac, Camilo Díaz Baliño. O seu encarceramento e posterior asasinato por parte dos sublevados puxo fin ao «esplendoroso mundo artístico coas relacións de Díaz Baliño» no que se movía Isaac, e no que «xa tiña fama de rebelde e revolucionario», tal e como explica Xosé Díaz. «Todo o que sei sobre meu avó seino por miña nai, meu pai eludía o tema. Só ao final da súa vida contou algunha anécdota».