—En 1929, Virginia Woolf escribiu que «unha muller debe de ter cartos e unha habitación», segue vixente?
—Si, incluso máis que antes, polo sistema capitalista no que vivimos. Non é só o feito de que es muller porque todos os índices din que a precariedade laboral afecta máis a mulleres que a homes, senón que, polo sistema no que vivimos. Hoxe en día teste que dedicar todo o día a traballar para pagar as facturas, entón xúntanse, xa non as diferenzas de xénero, senón o sistema capitalista no que estamos inmersos.
—A maior referencia na literatura galega é unha muller, que significa isto para ti?
—Cando era pequena, sentía maior agarimo por estudar a literatura galega simplemente porque atopaba máis mulleres. Chegábase máis rápido que na literatura castelá a falar de literaturas actuais e aí había moitísimas máis mulleres e eu sentíame moito máis próxima. Xa non é que fose galegofalante, que tamén. É que para min era unha literatura moito máis realista, moito máis plural e moito máis agradable, aínda que fose para estudala.