Tradutores galegos, barqueiros da mellor literatura universal

FUGAS

PACO RODRÍGUEZ

Poñemos o acento nestes profesionais e no seu arduo traballo de levar unha obra dunha lingua a outra. Aquí facemos unha selección dos mellores títulos. Sen eles non poderíamos ler aos grandes

23 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres Xulia lía ao seu fillo o conto Mortiña, un curmán repugnante, nin sequera se decatara de que a escritora non era galega. Pensaba todo o contrario. Que quen escribira esas marabillosas liñas coñecía moi ben a lingua de Rosalía e a utilizaba con especial mestría. Nada que ver coa realidade. A súa sorpresa chegou cando mirou a tapa do libro e viu que estaba escrito por Barbara Cantini, autora florentina que relata con moita graza as aventuras dunha nena zombi. En cambio, os artífices desta marabillosa tradución si son galegos, Rosa Marta Gómez Pato e Manuel González (Hércules Ediciones). Isto que, a priori, puidera parecer extraordinario, sucede máis veces das que pensamos. E por iso ben merece destacar o fabuloso traballo que fai a canteira de tradutores que temos aquí, en Galicia. Eles realizan con gran profesionalidade ese traballo silencioso que moitas veces pasa desapercibido, pero que é fundamental. Unha boa tradución é a diferenza entre que poidas gozar da lectura ou que non acabes de ler un libro. Ademais, permítenos acceder ás grandes obras da literatura universal. Sen eles, na maioría dos casos non sería posible.

Xavier Senín, premio Nacional á Obra dun Tradutor (2020), realizou traducións de libros tan importantes como O Quixote e de autores como Yasmina Reza, Georges Sand, Daudet, Gustave Flaubert, os irmáns Grimm ou Pierre Loti. Tamén os cómics de Astérix desde o 2008. Precisamente foi en 1976 cando se publicou a primeira edición en galego do irredutible galo e seu amigo Obélix grazas á librería Arenas da Coruña. E desa primeira tradución encargouse Eduardo Blanco Amor. Moito máis tarde tomou o relevo Xavier Senín, que considera que nunha boa tradución é fundamental facer o que no gremio chámanlle anosar, «facer noso o texto e que a xente o recoñeza coma noso, que non se dea conta de que está escrito en alemán, en francés ou en italiano». Así de desapercibido e de difícil é este labor que non está tan recoñecido como debería: «Eu comparo o tradutor como se fose un barqueiro, que leva a barca dun lado ao outro, dunha lingua á outra. Sen o barqueiro, non se pode pasar o río. E sen un tradutor e unha boa tradución non se pode ler unha boa obra».

Sobre os traballos máis difíciles que tivo nas súas mans, destaca precisamente O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha, que fixo xunto con Valentín Arias, Xela Arias, Xosé Antón Palacio, Xosefa S. Fernández e Xesús Senín: «É un libro moi complexo, unha obra mestra. Entón, claro, se xa te pos diante diso xa che entra un pouco de medo. Ten moitas particularidades, moitos refráns, moitos ditos populares que hai que reflectilos en galego ou intentalo e non é fácil».