Terrae convídanos a bailar como medio de conexión coa natureza

FUGAS

cedida

Detrás destas máscaras de felos agóchanse dous músicos galegos de recoñecida traxectoria que do seu bo facer dá testemuño un primeiro epé, «Semen», xa dispoñible nas plataformas dixitais

09 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non, non hai vontade de mimese, aínda que a simbiose entre música de raíz e electrónica, e mesmo as máscaras tras as que se oculta o dúo, puidesen incitar, de entrada, ao equívoco. Terrae é un proxecto cunha personalidade ben definida e claramente diferenciada. Que conflúe no tempo, iso si, con propostas que afondan nesa conexión entre o ritual e a vangarda, pero que expande o seu universo sonoro e as súas referencias conceptuais bastante máis alá, incluso no xeográfico.

Detrás desas máscaras de felos agóchanse dous músicos e produtores galegos de recoñecida traxectoria, que polo de agora prefiren manterse no anonimato. «O que queremos que se valore de Terrae é a música, non quen está detrás dela», contan.

E da música dá testemuño un primeiro epé de cinco temas, Semen, xa dispoñible nas plataformas dixitais. Cinco suxestivas conexións con distintos lugares do mundo a través da fusión de sons e ritmos de diversas culturas coa electrónica contemporánea e algún aporte orgánico. «A nosa música non se basea só en remezclar música tradicional galega e traspasala á contemporaneidade. Traballamos con músicas de todo o mundo e mesmo con composición e bases propias», explica o dúo.

Galicia está presente en Amores de ida e volta, un aquelarre de ritmos e sensacións misteriosas e intensas. Ambientalismo, techno e folclore para ser rezado de xeonllos ou bailado -cando se poida- nas madrugadas canallas. En Okampo fusiónanse ritmos africanos, bases electrónicas, cantos tradicionais de Galicia e a txalaparta vasca. E Himalayas é un tributo explícito á música tibetana a partir da sinerxía entre a electrónica a baixa velocidade, achegada ao dowtempo, e a solemnidade e o misterio dos cantos dos monxes.

Terrae defínense como un proxecto musical, cun creativo aporte audiovisual, enfocado a crear unha simbiose entre natureza e humanos a través do baile, «esa ancestral costume en desuso e case esquecida».