Jesús Castro, poeta: «A poesía LGTB+ é moito máis que unha cuestión de amor»

Carme D. Prol / A.A

FUGAS

Xiana Quintas

O poeta estréase como editor e tradutor en «Campo de plumas», a primeira antoloxía poética en galego de autores LGTB+

09 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende a poeta da Antiga Grecia, Safo, ata Gloria Fuertes, pasando por Lorca, sor Juana Inés de la Cruz ou Walt Whitman, todos eles están presentes na antoloxía poética LGTB+, a primeira en galego, que vén de presentar Jesús Castro e na que hai moito máis que versos. Unha recompilación na que se suma a historia da poesía LGTB+ «sen paternalismo ou condescendencia», dirixíndose á mocidade, segundo apunta o poeta. «Non é só facer unha listaxe de nomes», tamén é importante o contexto histórico ou «falar de homofobia interiorizada e das diferenzas que hai entre como entenden a literatura homosexual as mulleres e os homes», subliña Castro.

—Como xorde esta idea?

—Foi unha proposta da editorial Rinoceronte para a rama de literatura infantil e xuvenil, Sushi Books. Propuxéronme facer unha antoloxía sen ningún tipo de filtro máis alá da propia identidade dos textos. O que me interesaba era acadar o máximo abano de posibilidades dentro da escolma. Foi tamén o reto de conseguir a maior parte posible de representación dentro da limitación que supón que eu sexa un home branco en Galicia. Sendo consciente de que hai unha escaseza tremenda de textos LGTB+ en certos momentos históricos.

—É o teu primeiro traballo como editor, como foi o proceso?

—Interesoume moito porque me permitiu coñecer moita parte desa historia que me constitúe, aínda que sexa de forma invisible. Hai unha especie de fío transparente que atravesa moitas literaturas con intereses compartidos que non se ven, pero esas pegadas vanse pasando duns autores a outros. Por exemplo, Reneé Vivien, unha autora francesa de comezos do século XX que traducía a Safo, foi tamén traducida pola autora catalá Maria-Mercè Marçal, que era fonda coñecedora da obra de Safo.

—Estes autores acaban sendo referentes uns dos outros, pero que influencia teñen hoxe en día?

—Non teño moi clara a influencia que poden ter agora, o que si vexo é o interese en coñecer estes referentes e coñecer tamén esta historia. Haino dende fóra e dende a comunidade LGTB+. O que vexo moito é que o que se concibe como poesía LGTB+ é poesía de amor LGTB+ e a min iso non me interesa. Non quero que se reduza a unha cuestión de amor. Pode ser máis interesante coñecer como afecta a vergonza ou non ocupar un centro. Tampouco me interesa que esta literatura ocupe o centro, o que me interesa é que ese centro deixe de existir. Para min é importante que quen comece a coñecer isto, ou quen comece a gustar destes referentes, asimile dunha forma naturalizada que é algo que ten un campo de acción moito máis amplo do que se empeñan en ofrecer.

—Na escolma está Gloria Fuertes, coñecida como autora infantil. Ocultouse esta outra faceta da súa obra?

—A súa personaxe estaba constituída como autora de literatura infantil, o que pasa é que ela traspasaba con creces ese límite. Tampouco chegou a estar moi cómoda con iso. Nos últimos anos viviuse unha reinterpretación da súa obra e da súa persoa dende outro punto de vista. Tamén, por exemplo, penso en Elizabeth Bishop, que foi unha autora bastante privada, non moi aberta ao mundo exterior. Igual ela non querería estar neste libro porque era algo que detestaba, era unha artista da omisión. O que ela non dicía, o que ela se esforzaba en non declarar tamén falaba moito por si mesmo. Á fin e ao cabo, a historia do lesbianismo é unha historia de censura e de autoafirmación marxinal moi distinta, por exemplo, da historia da censura gay.

—Por que se dirixe á mocidade?

—Iso era condición da editorial porque é o seu nicho de mercado. Eu fixen un pouco o que quixen porque non creo que sexa bo tratar á xuventude con paternalismo ou condescendencia. Tamén me parece que é apto para un mozo de 15 anos que lea sobre prostitución ou sobre marxismo e como ese marxismo se implica na identidade homosexual. Ou que lea un poema árabe do século IX que hoxe en día podía ter connotacións de pederastia sabendo que as condicións históricas e sociais daquel momento eran outras. Paréceme interesante ofrecerlles esa historia para que poidan cuestionala e pensar se na actualidade está vixente e analizala cunha perspectiva crítica.

—Pode a poesía enfrontarse á homofobia e producir cambios reais?

—Eu quero crer que si, pero son unha persoa crítica. Pode facerlle o día diferente a unha persoa pero iso non é o importante. O importante, por exemplo, é que unha persoa transxénero teña unha cobertura xurídica, non que alguén por ler un poema vaia mudar o seu país. Se queiman a un rapaz en Polonia pola súa orientación sexual, un poema non o pode «desqueimar». Pode axudar a comprender, ou acompañar a alguén a afrontar certas situacións pero non pode cambiar máis. Son as políticas e a cobertura xurídica o importante.