Secho propicia outra alentadora confluencia entre Galicia e o pop-folk

CARLOS CRESPO

FUGAS

MERCE ARES

O disco «Recuperar» supón un estimulante encontro cun xeito preciso e precioso de entender a música

25 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tampouco é que agora vaiamos sobrados de propostas deste corte, pero si que un por fin ten a sensación de que Galicia xa non lle dá as costas a ese xénero que tantas alegrías, tantos bos músicos e boas bandas nos ten proporcionado dende o mundo anglosaxón. Falo dese pop sosegado, sedutor e elegante que ancora e eleva a súa arquitectura a partir das sonoridades básicas do folk americano.

Houbo un tempo, ata non hai moito, que en Galicia mesmo daba a sensación de non estar ben visto fixarse neste tipo de referencias. Por sorte, a superación de complexos que están a abordar os nosos artistas rachou con ese tamén. E aí está Secho para demostralo. E de que xeito. Recuperar, que así se titula o seu disco, supón un estimulante e reconfortante encontro con ese xeito preciso e precioso de entender a música. No que nin un acorde sobra nin hai palabras de máis. Tampouco alardes innecesarios nin gratuítos. Chega dabondo coa exquisitez dos seus arranxos, coas caricias dos seus delays e con ese intimismo que se percibe tan sincero como un tanto críptico.

Di Secho de este Recuperar que «se move nos medios tempos, melodías simples e unha mensaxe clara na que trato de contar unha situación, xerar imaxes que nos transporten e desfrutar da música a través dos sons puros». Non é pequena misión. Pero a fe que esa é a sensación que a un lle queda tras escoitar o disco.

Seguro que non é Secho a mellor voz que temos na escena musical galega. Pero sobreponse a súa limitación cunha dose extra de honestidade coa que resulta imposible non ser empático.

Non é o caso citar aquí a ladaíña de referencias, sobre todo do folk, que resultarán evidentes a quen escoite estas cancións. O en verdade importante é como Secho foi quen de darlles a súa impronta. E aínda que o disco soa contido eu quedo con ese final con guitarras a piques de desbocarse de Nós non volvemos máis. Coido que por aí se lle abre outro excitante camiño.