O ILG, 50 anos sinalizando o camiño da lingua

FUGAS

Edificio do Instituto da Lingua Galega
Edificio do Instituto da Lingua Galega Internet

O labor foi inxente neste medio século, en que o Instituto non mudou o carácter pioneiro que tivo dende a súa botadura

11 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na década dos setenta comezaron a abrirse pequenas fiestras para a lingua galega despois de anos de ostracismo. A Lei Xeral de Educación, aprobada en 1970, prevía a introdución do galego no ensino e esta posibilidade tamén a recollía a Universidade de Santiago de Compostela, xunto a de crear institutos de investigación. Constantino García, catedrático de Filoloxía Románica, fiou ambas as dúas posibilidades con mestría para a creación do Instituto da Lingua Galega porque, aínda que o amparaba a legalidade, o certo é que nin o marco académico nin o político eran proclives.

Boa mostra da efervescencia da época foi a gran acollida que atopou o manual Gallego 1, que tivo unha tirada inicial de oito mil exemplares e que se esgotou en só seis meses. Era a posta en escena do ILG cun éxito sen precedentes que se repetiu co Gallego 2 (1972) e Gallego 3 (1974). Era o primeiro método de ensino para a nosa lingua e o principal material docente naqueles anos ata que as editoriais tomaron o relevo.

Era 1971 e os obxectivos: o estudo, a promoción e o cultivo da lingua galega, así como a investigación. Con poucos recursos económicos, pero cun capital humano incalculable, supliron as carestías. Nos primeiros anos organizáronse cursos de formación de profesorado nos que participaron miles de docentes, pero non só, xa que se abriron a toda a sociedade. Incentivouse a realización de teses de licenciatura e de doutoramento sobre falas de distintos puntos da xeografía e así obtívose a primeira mostra significativa da lingua oral, que se completaría co Atlas Lingüístico Galego. En 1974 tres recén licenciados en Filoloxía Románica (Rosario Álvarez, Francisco Fernández Rei e Manuel González) comezaron, baixo a dirección de Constantino García e Antón Santamarina, a realización das enquisas. Entrevistaron en tres anos a persoas de 167 puntos do dominio lingüístico galego, dos cales quince pertencían ás comarcas estremeiras de fala galega, utilizando un cuestionario que tiña ao pé de catro mil preguntas. O magno proxecto segue vixente na actualidade e é, sen ningunha dúbida, un dos sinais de identidade do ILG, pois serviu tamén para a codificación do galego normativo.

PRIMEIRA COMISIÓN DE TOPONIMIA

A diversidade de actuacións foi a constante nos primeiros anos e en moi pouco tempo materializáronse múltiples proxectos. No seo do ILG creouse a primeira comisión de toponimia que emprendeu o longo proceso de restauración das formas autóctonas, despois de tantos anos de emprego deturpado. O labor foi inxente e nestes cincuenta anos non mudou ese carácter pioneiro que tivo dende a súa botadura. O certo é que, aínda que houbo voces disonantes, o proxecto consolidouse e serviu para prender moitas lumieiras coas que sinalizar o camiño da lingua. Sempre foi máis que un instituto de investigación, coas velas sempre despregadas, cheas de ilusión e vocación investigadora para seguir a travesía outros cincuenta anos máis.