Pauliña propón unha «road songs» de bares e rock and roll

FUGAS

MARTINA MISER

«Testemuñas» é o novo traballo da artista, un disco que soa como un berro de alerta sobre a pasividade da xente 

04 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

De Cambados a Compostela, de Vigo a Portugal. Pauliña vai trazando nas cancións do seu novo disco, Testemuñas, un percorrido sonoro que remata por se converter nunha sorte de road movie, ou se cadra sería mellor dicir road songs, pola noite, os bares e o rock and roll. E polos seus personaxes, tamén. Ese é o trazado que, entre vapores etílicos, lembranzas exentas de nostalxia e ansias, moitas ansias, debuxan, por exemplo, On the road, Heroes ou Noite e Compostela. Esta última, gravada coa colaboración de High Paw. E non é a única coa que conta neste disco. Por aí asoman tamén O Leo de Matamá, Fosi, Nee Barros e a banda portuguesa, arrebatadoramente festiva, Kumpania Algazarra.

Porque entre as moitas cousas que Pauliña incorpora a este novo traballo, está ese certo espírito festivo que impregna boa parte do disco. Unha festa, iso si, non exenta de compromiso. «É un disco alegre pero con moitas mensaxes», di a artista.

Certo é. Dende o tema que abre o álbum, Rexurdimento, Pauliña deixa claros os seus postulados. Pero faino con mensaxes menos directas e viscerais que nos seus anteriores traballos. Agora vai deixando aquí e alá demoledoras cargas de profundidade, desas que fan moito máis dano nas conciencias. Outro signo máis da madurez artística que zumega este Testemuñas. Un disco que, explica Pauliña, é un berro de alerta «fronte á pasividade da xente ante o que estamos vivindo, fronte a nosa incapacidade de mobilización». É por iso que canta: «A vitoria para nós é resistir / que nos deixen en paz».

No estritamente musical Pauliña pretende seguir podendo contestar «non sei» cando lle preguntan en que estilo se encadra. Certo é que o rock, sobre todo o de raíces americanas e feituras clásicas, está na esencia da maioría das súas cancións. Pero cada vez ábrese máis a outras influencias, principalmente do soul, do ska ou mesmo do reggae, como no tema que pecha o disco, Pasa de min, o único que non é da súa autoría. «Eu aprendín de Lamatumbá, de Ruxe Ruxe, de Nao, de Raiba, e iso tense que notar», di. E engade que «aínda que o rock en galego estanos morrendo, facer un disco de rock hoxe en día non é un suicidio». Demostrado queda.

Dez cancións que se moven por estilos sonoros moi diversos pero sempre co rock como matriz