Grande Amore: «Non todos temos que afinar como se fósemos Mariah Carey»

Carlos Crespo REDACCIÓN

FUGAS

O músico vén de editar o primeiro disco, un traballo efervescente con nove cancións de calado post-punk

28 may 2021 . Actualizado a las 22:11 h.

Ás veces nada racha máis que escoitar o pasado. Sábeo ben Nuno Pico, que cumpriu 26 anos o mércores. Boa parte dos seus 25 botounos preparando o seu novo proxecto persoal, Grande Amore, co que vén de editar o primeiro disco, titulado de forma homónima, baixo o selo de Ernie Records. Un disco efervescente con nove cancións de calado post-punk, electrónicas e industriais que definen, segundo a súa folla de promo, a «un artista rexenerador da escena rock-pop galega máis underground».

Si e non. Certo é que hai en Grande Amore unha estimulante vontade rexeneradora, grazas a que é capaz de actualizar con indolente e atinado descaro referencias e influencias que por xeración non lle corresponden. No que xa non concordo tanto é no do underground. Chegados por fortuna ata este punto no que á música galega se refire, Grande Amore sitúase nese contexto e nese espazo da escena no que poderiamos ubicar a Ortiga ou a Verto, artistas que conseguiron, sen renunciar ao seu espírito transgresor, transcender do underground. E ás probas me remitirei en canto sexa posible desenvolver con certa normalidade festivais, festas e concertos.

Pero vaiamos ao disco, que ben paga a pena. Nove cancións, 34 minutos de desparrame sonoro e emocional, que se abren co arrebatador e ao tempo desgarrador cabalgar de Esta pena que a veces teño, un corte incontible e punzante que remite aos Sigue Sigue Sputnik. «Paréceme un exemplo perfecto. Xente cun espírito roqueiro, pero cun toque incrible de experimentación», apunta Nuno.

Por aí resoan tamén os ecos de DAF, Ramones, B'52s, Television, Plastic Beltrand ou Siouxsie and the Banshees pasados pola peneira da perenne influencia que Grande Amore lle recoñece a Hevi.

Esa mestura entre os elementos sonoros máis identificativos do postpunk e da new wave, uns sintetizadores escintilantes sobre texturas industriais; os das orixes do hip-hop, cunhas poderosísimas bases rítmicas que determinan case todas as cancións; e os da esencia do hard-rock e o primeiro punk, afiados guitarrazos e catro acordes desbocados, debuxan a arquitectura de este disco. Complexa pero ao tempo desenfadada e refrescante. Como case todo en Grande Amore, cheo de contrastes e paradoxos. Ao que non é alleo un moi persoal sentido do humor. «Eu por unha parte son unha persoa moi sentida e moi dramática. Pero, por outra, tendo a afrontar ese tipo de dramas e de agonías dende un punto de vista irónico ou cómico», confesa Nuno Pico. «Gústame cando hai ese contraste. Gústame, por exemplo, esa combinación que fan The Smiths, cunhas letras escuras e unha música que, á súa forma, é animada. E eu intento, á miña maneira, reproducilo».

Como cando titula unha canción Jorge Martínez, cásate conmigo (porfa) sen que na súa letra faga a máis mínima alusión ao líder de Los Ilegales. «Durante un tempo voáronme a cabeza e quería dedicarlle unha canción, así que llo puxen nun título».

Non é o caso doutros títulos, nos que Grande Amore si que se abre en canal. Aí están Esta pena que a veces teño, Vémonos no baño, a arrebatadora Vamos a enchernos (e falar de cousas) ou Non sei cantar. «Pero dáme igual», di tamén na letra dese tema. «Iso é para quedar guai. Ao mellor se puidese cantar ben agradecíao moito. Pero que lle vou facer!», comenta agora.

Non é de todo certo. Podería ter recorrido ao autotune e só o fai nunha canción, Tou pensando, e non precisamente para que soe ben a voz. «Chegou un punto no que xa todo mundo o usa e a min moloume dicir pois eu non, canto mal e non pasa nada tampouco. Non todos temos que afinar como se fósemos Mariah Carey».