Os valentes heroes da resistencia discográfica galega

FUGAS

FUGAS

Coas vendas en mínimos e sen concertos á vista, os pequenos selos galegos manteñen o seu ritmo de produción. «Alguén ten que facelo», din

30 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A sensación é contraditoria. Os indicadores e as condicións son peores que nunca. Nos últimos anos, os pequenos selos tiñan nos concertos das bandas o principal foco de venda de discos. Ata un terzo do total, podían chegar a supoñer. Pero hai máis dun ano que desapareceron e vai ti saber ata cando. Pero, por outra banda, a xente está coñecendo e consumindo máis música que nunca. «E como as grandes discográficas apenas publican, a nós estannos facendo máis caso». Quen isto afirma é Fernando Fernández Rego, de Ferror Records. No que vai de ano levan editados os discos de Chicharrón, Carrero Bianco, Trajedesaliva, Garza e Fábrica de Espejos. «Para ser un selo minúsculo é case un milagre».

Claro que falamos de tiradas que rara vez superan os 300 exemplares. Para unha banda como Chicharrón, a venda online pode chegar a ser suficiente para esgotar a tirada. Pero a maioría dos grupos, recoñece Rego, onde máis vendían era nos concertos. «Para nós é unha perda importante pero temos un grupo de fieis que adoitan mercar os discos por militancia e por compromiso e nos axudan a ir sobrevivindo. Polo menos dános para continuar e para poder subsistir como selo».

É un acto de heroicidade publicar discos neste momento?, preguntámoslle. «Home, si. Sobrevivir seis anos en Galicia sacando grupos principalmente de electrónica e experimentais, se o pensas, soa un pouco kafkiano», contesta ao tempo que sorrí.

En calquera caso, non ten Ferror Records vontade ningunha de abandonar o seu espírito underground. Nin mesmo que algúns dos seus grupos acadasen relevancia e popularidade. «Nós apostamos por novos valores. E se funcionan e despois vén un selo grande e lévaos? Pois oxalá pasen esas cousas e os grupos teñan oportunidade de medrar. A nosa idea é seguir subsistindo, mentres vaiamos amortizando. Ese é o noso logro no horizonte».

Un obxectivo semellante ao que se propoñen Mon Falcón, Carlos Prado e Marina Martínez dende Ulomanía Coop, un pequeno selo fundado en Cambados no 2016. «Facemos isto por un afán romántico, non lucrativo. Temos claro que alguén ten que apoiar ás bandas emerxentes. Pero economicamente o noso obxectivo é empatar. Publicar un disco e amortizalo canto antes para poñernos co seguinte».

Claro que se polo medio se coa unha pandemia as cousas complícanse dabondo, xa que entón só se pode contar coa venda on line, que Ulomanía fai a través de Discogs. Foi o que lle pasou as súas dúas últimas referencias, os vinilos de Isi Vaamonde e Playa Desmayo. Aínda así, Mon Falcón confía na continuidade do selo. «Este ano só publicaremos un par de referencias. Pero dentro de cinco anos seguiremos aquí, seguro. Precisamente porque a continuidade do proxecto non depende da viabilidade económica senón do noso inquebrantable compromiso persoal».

Tamén destaca Mon Falcón a «irmandade» entre os pequenos selos galegos. Xa se deron casos nos que varios deles se unen para abordar un proxecto. O máis ambicioso está a piques de ver a luz. Seis disqueiras independentes van da man na publicación do novo traballo de Señor Anido.

Pero nisto da edición discográfica non só hai heroes da resistencia, tamén temerarios aventureiros que se botan ao monte, se cadra no peor momento. É o caso de Manuel Caamagno, responsable da axencia de management e produtora Tremendo Audiovisual, á que agora engade labores de discográfica. Interrogado polo por que, repite a cantinela: «Porque alguén te que facelo». Para engadir despois: «Sei que non me vou facer rico con isto, pero é un servizo máis que lles ofrezo aos artistas que confían en min».

Lembra Manuel as dificultades ás que se tivo que enfrontar coa súa banda, Familia Caamagno, en canto á distribución e difusión. «Agora calquera grupo pode autoeditarse. Ese non é o problema. Pero a maioría rematarán por meter caixas e caixas de discos debaixo da cama. De aí que nós centremos os esforzos na distribución física -que haxa un punto en todas as cidades no que estean os nosos discos- e na venda on line a través da nosa tenda web».

De momento contan con tres referencias: Oh! Ayatollah, Ataque Escampe e Verto. «O criterio para publicar en Tremendo? O meu gusto persoal, que teña unha melodía pop e que sexa en galego».

Dun xeito parecido ao de Tremendo, como un complemento, unha sorte de servizo integral para os seus artistas entende PlayPlan a edición discográfica. «Máis que unha heroicidade, ás veces é unha necesidade», explica Andrés Lamosa, un dos responsables da compañía. Decidiron centrarse na promoción e ceder a distribución a Inquedanzas Sonoras. «Do que se trata é de sumar forzas», conclúe.