Liberdade e amor: a incursión filosófica dun pintor

A última obra de Correa Corredoira, «Manifesto urxente», é unha recolección de pensamentos que afloran dun romanticismo esencial, idealista, pero tamén sincronizado cos ritmos da terra


A última vez que falei con Correa Corredoira discutimos sobre o capitalismo, ese sistema que el define no seu Manifesto urxente como «unha falsa maquinación» que considera «incompatible coa vida». Malia non chegar a un acordo sobre o asunto -é mellor non facelo, pois sempre é un pracer discutir con Correa-, tal vez sexa máis fácil atopar remansos dialécticos como este que oferta como alternativa na súa última obra literaria: «Unha sociedade humana, libre, intelixente, que estenda o amor, a fraternidade e a convivencia coa terra». Sen ánimo de seguir polemizando, tal vez o capitalismo xa está evolucionando cara a unha certa intelixencia emocional máis asemellada ao que Correa desexa para o mundo. A súa capacidade metamórfica é un dos segredos do seu éxito global.

O gran pintor das rosas dos ventos é tamén un gran poeta, e demostrouno en varios libros. Nesas charlas dá a impresión de que escribe no aire verbas que non permanecen, pero que deberían ser recollidas por alguén, por algunha testemuña oculta preocupada pola permanencia da fugacidade do enxeño. Un manifesto urxente, prologado por Eva Veiga, amosa ese traballo de recolección de pensamentos, que afloran dun romanticismo esencial, idealista, si, pero tamén sincronizado cos ritmos da terra, na liña do transcendentalismo estadounidense de Emerson. A orde desa colleita de reflexións, de referencias culturais variadas e incluso dispares, pona dialéctica da liberdade e o amor, onde é fundamental renunciar á propiedade do ser amado para vivir con plenitude nesas dúas coordenadas. Correa Corredoira practica neste ensaio, que podería catalogarse de filosófico, a mesma reflexión soterrada da súa obra pictórica, con preguntas esenciais como esta: «É a liberdade o que namora ou é o amor o que libera?»

Desde outras posicións aparentemente afastadas é difícil non concordar con Correa cando fala da liberdade de ensino, nunha educación cada vez menos experiencial e máis competitiva, nestes tempos «onde as cousas de alcance pasaran ao esquecemento e as trivialidades, vacuidades e parvadas inzaban a pasmada atención pública». Este libro, ao fin, non participa da banalidade reinante. 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Liberdade e amor: a incursión filosófica dun pintor