Chicharrón: «Seguimos crendo nas posibilidades da música pop»

Carlos Crespo

FUGAS

pablo mella

O cuarto disco do grupo, «Unha fogueira intacta», é un exercicio de ¿«postpop»? denso, misterioso, profundo e, ao tempo, esperanzador

16 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Son sinal de identidade dos grupos de postrock esas atmosferas densas, profundas e opresivas, eses auténticos muros sonoros creados a partir de atronadoras guitarras e distorsións. No seu novo disco, Unha fogueira intacta (Ferror Records), Chicharrón consegue sensacións semellantes pero recorrendo a elementos moito máis orgánicos. Hai pedais, claro que os hai, pero tamén hai saxos, acordeóns e mesmo infinidade de sons naturais. Unha sorte de postpop sen afán apocalíptico. Chicharrón asómase ao abismo pero sen invocar ao desasosego. Ao contrario, por fin atopamos unha luz, aínda que sexa tan tenue como a dese vagalume que ilustra a portada. Unha fogueira intacta é material emocional altamente inflamable, un labirinto de inspiradas sonoridades que o converten en firme candidato a disco do ano. Non só en Galicia.

En torno a todo isto falamos con Alberto Vecino, letrista, voz e guitarra da banda.

—Cales son os cambios máis significativos que advirten respecto ao seu anterior traballo, «Cancións clínicas»?

Cancións clínicas era un disco que falaba dunha situación moi concreta. Un disco moi visceral, que fixen moi rápido. Non está moi pensado. Era un disco que necesitaba facer. Pero unha vez feito eu notei que rematabamos algo, que se acaba unha etapa. Lembro que daquela eu estaba lendo un libro do pintor Yves Berger, e nel dicía que el daba por rematado un cadro cando sentía que ese rostro que creara, fose abstracto ou figurativo, xa o miraba. E sentinme moi identificado porque despois dese terceiro disco, por primeira vez sentín que ese rostro que nós creáramos, Chicharrón, tiña unha mirada. Era por fin un rostro acabado. Así que empecei a facer cancións co concepto de que esa mirada non nos miraba a nós senón que miraba cara adiante, cara ao futuro. E detrás desa mirada ao principio había moito misterio, pero despois descubrimos a esperanza.