Xurxo Fernandes: «Se tes un afán comercial, non te podes dedicar a tocar a pandeireta»

Co seu primeiro disco, «Levaino!», o músico a quen coñecimos en proxectos tan dispares como Radio Cos ou Jako el Muzikante conecta a musica de transmisión oral galega co Oriente, coa tradición mediterránea e coa cultura sefardí


A capacidade de renovación da música tradicional galega semella non ter límites. E se alguén dera con eles non faltaría quen estivera disposto a transgredilos. Entre os primeiros da lista estaría, seguro, Xurxo Fernandes, intrépido e inquedo músico e investigador, a quen coñecimos en proxectos tan dispares como Radio Cos ou Jako el Muzikante. A súa nova aventura musical leva a súa propia firma. E o seu primeiro froito é Levaino!, un disco no que fusiona a música galega de tradición oral e a dos xudeus do imperio otomano. Dito así, se cadra semella árido. Escoitado, resulta, cando menos, interesante. E descaradamente voluptuoso.

Levaino! percorre escintilante unha serie de paisaxes sonoras pouco coñecidas. E faino tomando como sustento unha ducia de creacións nutridas de ambas tradicións, acompañadas de arranxos modernos e dunha instrumentación contemporánea que se introduce dun xeito natural.

Conta Xurxo Fernandes que chegou a este punto despois de ter unha carreira de investigación e artística nos dous ámbitos: o da música de raíz galega e o da sefardí. Se ben recoñece que sempre discorreran paralelos. «Eses dous Xurxos nunca se coñeceran», di. Agora intenta reconducilos para que converxan, para que se coñezan.

—Di que este disco representa unha encrucillada na que se atopan dous camiños que transcorreron sempre en paralelo: a música de tradición oral de Galicia e a dos xudeus sefardís. Onde e como atopou a conexión entre ambas?

—Paréceme que hai tres puntos de conexión moi importantes. O primeiro é que os sefardís son descendentes dos expulsados da península ibérica, entre os que había tamén galegos. De feito no seu vocabulario manteñen palabras en galego. O segundo é que eles viviron sempre en minoría e aprenderon a vivir entre cristiáns e musulmáns sen nunca perder a súa identidade. Ese exemplo de como foron permeables a outras culturas pero gardaron a súa esencia paréceme moi interesante e trasladable a hoxe en día. E a terceira é a conexión musical que existe entre a tradición oral de Galicia e a mediterránea. A nosa percusión de man, a pandeireta, e a maneira de entender a voz no canto está máis relacionada co Mediterráneo e co norte de África que cos países celtas. Entón, o que intento facer neste disco, aproveitando a miña experiencia, é poñer en valor esa relación entre esas dúas tradicións, que para min é obvia.

—Tivo xa algún feedback por parte da comunidade xudía?

—Aínda non. E estou curioso por coñecelo, pero supoño que a xente precisa repousar a información que lle chega.

—Temos no imaxinario aos xudeus como moi ortodoxos. No eido musical, son aperturistas?

—Eles miran con curiosidade calquera cousa que se faga en relación con eles porque son conscientes de que son unha cultura en risco de desaparición. E nese sentido, creo son receptivos a todo o que lles recorde as súas experiencias vitais, como pode ser o caso de como se cantaba nas súas casas e o que se facía no seu entorno.

—A carta de presentación de «Levaino!» foi o impactante videoclip do tema homónimo que, dende logo, non pasou desapercibido. Cales están sendo as sensacións que está a recibir del?

—A ver, por un lado está a parte sensitiva, a de sentir a música, e despois está a de interpretar o que un acaba de ver. Na parte sensorial o que me chega é que desperta moitos sentimentos diferentes pero que, efectivamente, ninguén queda indiferente. Nese sentido cumpriu o obxectivo que tiña, que era remexer por dentro. E máis no caso dunha canción coma esta, que é unha canción de transo que che obriga a reconectarte contigo mesmo. Respecto á parte interpretativa, calquera é válida porque ese é un campo aberto.

—Aínda que calquera sexa válida, cal era o sentido orixinal, o que quería transmitir?

—O vídeo resume un pouco o que é o proxecto: por un lado o tema da identidade minoritaria fronte ao global e, por outro, unha continua referencia á tradición oral, representada nesa transmisión circular. Tamén está a representación obvia da muller como transmisora desa tradición oral. E aí empezan a aparecer dous mundos: o exterior, que é o ritual no que se está invitando á criatura que vai nacer a que conserve os seus valores, e o interior, que é o da propia muller parturienta. Todo iso cheo de simboloxías e metáforas, moita delas en relación con que a música tradicional conserve a súa funcionalidade, aínda que a veces iso conleve certa evolución na súa estrutura.

—O plantexamento estético xoga tamén con ese contraste entre o ancestral e o contemporáneo. Calquera que o vexa dirá «este é un tipo pegado ao seu tempo».

—Eu non me considero vangardista, para nada. Nin transgresor. Non fixen o vídeo con ese ánimo, aínda que si que me está chegando ese feddback de que o vídeo é transgresor. Eu simplemente son alguén que vive no ano 2021.

—Ve neste proxecto posibilidades comerciais ou xurde exclusivamente dun interese etnomusical?

—Se tes un afán comercial non te podes dedicar a tocar a pandeireta (rise). Partindo desa premisa, está claro que aínda que cada un quere ir á feira con que ten, non fago isto cun afán comercial. Eu móvome sempre dun xeito máis visceral.

—Bueno, iso de que tocando a pandeireta non se poder ser comercial...

—Mmmmm... Depende a que niveis falemos. Eu, por exemplo, a Xavier Díaz, que ten éxito e que é fantástico que o teña, nunca o consideraría un produto comercial. E non porque non haxa unha estratexia comercial detrás, que calquera proxecto ten que tela porque se non sería un suicidio. Pero claro, se alguén fai o que fago eu, estudar a música dos cafés e fumadeiros de haxix do imperio otomano que facían os xudeus sefardís, iso de proxección comercial, ten cero. A min o que me move é o afán de curiosear. De feito, todas os traballos de investigación que fixen tanto en Galicia como en Oriente Medio sufragueinos sempre cos meu salarios como camareiro, traballando nunha fábrica de peixe na Coruña, sendo repartidor, traballando no Gadis... En fin, que ao mellor é para desgraza miña, pero non teño eu unha visión comercial disto.

—No disco hai dous instrumentos que sobresaen: a pandeireta e dozaina. Son, dalgún xeito, a representación desa dualidade que da orixe ao disco?

—Si, pódese tomar así, aínda que ambos son dous instrumentos moi comúns no Mediterráneo. Pero se asumimos a pandeireta como elemento identitario de Galicia, si que o podemos entender así, como un contrapunto.

—As doce cancións do disco están recollidas en lugares tan dispares como Coristanco, A Mezquita, Samakov, Tordoia ou Tel Aviv, mais vostede é capaz de darlle unha homoxeneidade e personalidade tal que para un profano é case imposible distinguir a procedencia dunhas e doutras.

—A min gústame moito facer ese xogo de espellos, no que ás veces pode ser evidente a orixe dunha melodía pero noutras confúndese por completo. Interésame ese xogo porque estimula esa reflexión sobre identidades que tan necesario é poñer enriba da mesa hoxe en día. E para iso da o mesmo que vivas en Coristanco que en Nova York.

—Pensa basear este proxecto exclusivamente en recollidas ou haberá creacións propias?

—Xa hai certa parte de creación. Porque eu decidín facer letras en galego sobre as melodías orientais. Pero no musical, paréceme que non vou dar ese salto á creación propia porque a min o que me interesa é traballar con músicas de raíz. Sobre todo porque contan cunha grandísima vantaxe, que é que xa pasaron moitísimos filtros, entre eles o do tempo e o do gusto popular. Digamos que xa teñen o aval de que conseguen chegar á xente.

 

A CORUÑA TEATRO ROSALÍA DE CASTRO VENRES, 20.00 ESGOTADAS

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Xurxo Fernandes: «Se tes un afán comercial, non te podes dedicar a tocar a pandeireta»