Celebrar a Xela Arias

Ramón Nicolás

FUGAS

A poeta e tradutora Xela Arias
A poeta e tradutora Xela Arias xulio gil | edicións xerais de galicia

12 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Supuxo unha alegría ler este primeiro libro -de moitos máis que virán- que ve a luz a instancias da celebración do Día das Letras Galegas 2021. Alegría por varias razóns mais, sobre todo, porque responde a unha intención de celebrar, e tamén de difundir, a figura e o traballo literario da autora de Tigres coma cabalos desde unha perspectiva nada convencional e, dalgunha maneira, innovadora e transgresora.

Que hai, pois, neste XelArias. Palabra á intemperie? Sen dúbida, unha orixinal confluencia de intencións creativas e artísticas ao idearse como un diálogo fértil coa memoria de Xela Arias. Velaí, así pois, como Emma Pedreira articula un percorrido que se mergulla nun mar alimentado de fragmentos poéticos e doutro tipo de testemuños escritos de Arias para conversar con este corpus nesa precisa intersección onde se posibilita realizar un reencontro coas dimensións da poeta, tradutora, docente e persoa comprometida co seu país, co feminismo e co seu tempo, abeirándonos ás dimensións dos espazos e os tempos en que viviu. Agroma aí a revelación da actitude transgresora, perenne e insubornable, que cultivou con inequívoca convicción e que enchoupa a totalidade da súa obra literaria, alén de incorporarse unha relectura particular dos catro poemarios que publicou. A esta conversa in absentia, pero epifánica e conmovedora tantas veces, súmaselle unha lectura gráfica exemplar a cargo da artista Laura Romero, dona dunha enorme forza expresiva ao optar por unha combinación de colaxes e debuxos francamente suxestiva.

O libro, que manexa posibilidades lúdicas e creativas para quen desexe traballar desde esta perspectiva, complétase aínda cunha cronoloxía biográfica de Xela Arias e cunha lista con diversas ligazóns, para escoitar e ver interpretacións da súa obra en diversos estilos musicais e interpretada por diferentes voces. Unha oportunidade para comezar, se non se fixo xa, un Día das Letras que aínda tanto ten por nos ensinar para seguirmos por ese «sendeiro de frangullas molladas» en palabras de Emma Pedreira, que Xela Airas ciscou para nós coa súa palabra.