A grande revolución da música en Galicia leva nome de muller

FUGAS

De arriba a abaixo e de esquerda a dereita: Masha (Os Residuos Atractivas), Montse (Enxeito), High Paw, Tania (The Mirror), Patricia (Acordeireta) e Mimi Telmo (We Ride)
De arriba a abaixo e de esquerda a dereita: Masha (Os Residuos Atractivas), Montse (Enxeito), High Paw, Tania (The Mirror), Patricia (Acordeireta) e Mimi Telmo (We Ride) LAURA ROMERO

Case todo o mellor que lle ten pasado á música galega no século XXI chegou de mans e voces de mulleres. Seus son os proxectos máis innovadores e moitos dos de máis éxito. Definitivamente, son elas as que hoxe marcan o paso

05 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Queda moito por facer. Isto non é, nin de lonxe, unha oda ao triunfalismo. Pero igual de inxusto sería non subliñar o que se leva feito. Non valorar o punto no que nos encontramos. A música galega está a vivir na última década un momento de efervescencia creativa e unha indisimulada ansia de revolución conceptual e estética, que conta ademais coa singularidade de vir determinada, na súa meirande parte, por proxectos impulsados por mulleres.

Na primeira edición dos premios Martín Códax, no 2014, en só dous dos trece proxectos premiados había mulleres. Na última, na do 2020, as mulleres estaban presentes en 13 dos 16 premios. Certo é, como apunta Xiana Lastra, presidenta de Músicas ao Vivo e compoñente de A Banda da Loba, que «nun momento determinado houbo unha certa vontade de impulsar a presenza feminina neste tipo de recoñecementos». Mais iso non lle quita valor a un dato que ten máis de constatación dunha realidade e de termómetro dunha situación que de conxuntural anécdota.

A día de hoxe, se hai dez artistas ou grupos da terra que poidan encher a sala Capitol nun concerto con entrada de pago, máis da metade serían mulleres. Iso, hai pouco máis dunha década, era inimaxinable.

Falamos de Sés, Guadi Galego, Tanxugueiras, Mercedes Peón, Bala ou Agoraphobia, por citar algunhas das máis senlleiras e das que acadaron notable repercusión incluso máis alá do telón de Grelos.

Non é o único revolcón que lle deron as mulleres á escena musical galega deste século. Tamén son elas as que están á fronte dos proxectos máis valentes e arriscados. Aduce Xiana Lastra que isto é así porque, «se as mulleres queremos estar na palestra, temos que destacar dalgún xeito. Se facemos o mesmo que os homes, non se nos visibiliza».

Para Sabela Maneiro, de Tanxugueiras, esa valentía ten que ver con «non ter ese medo, que si que teñen os homes, a que nos critiquen. Déronnos tanta caña durante tanto tempo que agora facemos o que nos sae con absoluta liberdade, sen vergoña e sen ningún tipo de prexuízos».

Desa liberdade creativa están a xurdir proxectos tan estimulantes e singulares como o das propias Tanxugueiras, o de Mounqup, o de Dani, o de High Paw ou o de Laura Lamontagne, por citar algúns dos máis recentes.

Porque esa é outra novidade. Ata hai nada o papel da muller na música galega quedaba practicamente circunscrito á música tradicional, ao folk e á canción de autor. Hoxe atravésaa transversalmente e non hai xénero, estilo ou tendencia que lle resulte allea. Dende o rock ao pop, en todas as súas vertentes, pasando polas músicas urbanas, o reggae, electrónica, blues, soul, funk, o swing, músicas do mundo...

Pero, ademais dos palcos a muller, debe ocupar tamén outros estratos da escena musical. E aí as eivas aínda son notorias. Cóntanse cos dedos dunha man as mulleres que están á fronte de salas de concertos, de produtoras ou de oficinas de management. Unha delas, Patricia Hermida, responsable de Dotbeat, avoga, antes que nada, por «eliminar o ser muller como xénero musical». Pola súa experiencia como mánager de Agoraphobia, asegura que, «hoxe por hoxe, ser un grupo formado por mulleres non supón un beneficio comercial. Pode axudar nun primeiro momento polo factor sorpresa. Pero enseguida se converte nun lastre. Tes que demostrar o triplo que os demais». Ata o punto, engade, de que «unha banda de rapaces que tocase como Agoraphobia tería chegado máis lonxe».

Avoga Patricia Hermida por sacar ás mulleres de «guetos» tipo festivais ou ciclos específicos para elas. «Creando estas xanelas artificiais non estamos axudando a normalizar, todo o contrario. O que temos é que procurar a presenza feminina en todos os foros xa asentados». Por exemplo, nos festivais. Os datos que achega o estudo feito pola ilustradora e música Laura Romero ao respecto son vergoñosos: a media da presenza feminina nos escenarios dos festivais galegos apenas supera o 20%.

Aínda que o imaxinario retrógrado segue activo, a sensación xeral é de optimismo. A esta xeración de músicas chegoulle a mensaxe de que son libres e poden facer o que queiran. E iso é unha gran revolución. Benvida sexa.