Tanxugueiras e a súa feliz confluencia cos sons urbanos

FUGAS

ROCIO CIBES

Veñen de publicar o single e o vídeo de «Midas», un punto de inflexión

04 feb 2021 . Actualizado a las 14:38 h.

Dalgún xeito, víase vir. Como esas vertixinosas ximnastas que van encadeando pinchacarneiros antes de rematar cun dobre mortal e pirueta, Tanxugueiras foron tamén preparando a conciencia o terreo, ao seu público e a elas mesmas para ese determinante instante no que habían de executar o seu particular más difícil todavía.

E ese momento chegou. Hoxe mesmo. Tanxugueiras publicaron esta medianoite nas plataformas dixitais o single e o vídeo de Midas. Que non é, dende logo, un tema máis. Elas mesmas veñen confesando dende hai días que Midas supón un «punto de inflexión» na súa traxectoria. E iso é moito dicir. Pero realmente é así.

Sen perder un ápice da súa identidade, o trío atrévese por vez primeira a incluír elementos e referencias das músicas urbanas nas súas creacións. E atinan a facelo na súa xusta medida. Con precisa —e preciosa— sutileza. Nin un pouco máis alá nin un pouco máis acá.

Unha maior e máis evidente notoriedade das bases e das atmosferas electrónicas ou do arriscado auto-tune tería achegado a este Midas a propostas desas que agora se definen con esa pouco afortunada etiqueta de folktrónica. E unha menor presenza deses elementos urbanos tería convertido este Midas nun quiero y no puedo. Ou peor, nun quiero y no me atrevo. Co cal, basicamente, sería máis do mesmo. E nunca foi iso o que agardamos de Tanxugueiras.

Aínda que puristas e estetas de tres al cuarto volvan rachar as vestiduras, se é que algunha mantén intacta, o novo single de Tanxugueiras supón unha evolución natural —oportuna e necesaria— da nosa música tradicional. Dalgún xeito vén representar ese flexible e permeable punto de unión que a conecta con estes tempos. Coas non poucas esperanzas que iso conleva.

Din que a nada lle temos máis medo os galegos que a unha encrucillada. Está claro que non é o caso. As Tanxugueiras apañaron os ventos que lles chegaban dos catro costados e enfilaron decididas o camiño. Seguramente non era o máis doado nin o máis evidente dos que se lles ofrecían. Pero semellaba, con moito, o máis excitante. E, quen sabe, se cadra tamén o único que ten saída.