Risco e Cuevillas fumando kif


Entre os debates que segue a suscitar ver a Lola Flores anunciando unha cervexa despois de morta, con palabras que nunca dixo, destaca ese clásico que ten que ver co uso perverso da tecnoloxía. Se coa aplicación da intelixencia deepfake xa non podemos confiar en que todo o que vemos nun vídeo é real, estamos aviados. Calquera presentará a Cortázar no seu apartamento de París negando o Holocausto con esa pronuncia afrancesada que, coma el mesmo recoñecía con sentido do humor, chamaba a atención dos foniatras. Ou a Montalbán, por poñermos un exemplo máis alonxado de dramas históricos, anunciando a súa conversión ao madridismo, desdicíndose das palabras daquel famoso artigo en que sostivo por primeira vez que o Barça era máis ca un club. Que perigo. Nun mundo sometido pola bulimia visual, se non hai alguén que se encargue de desmontar falsidades dese tipo, ou se carecemos dunha mínima formación para refutalas, todos poderiamos pensar que son certas.

Aínda que, en realidade, ese asunto das declaracións falsas de escritores non sería un asunto tan novo. Xa antes desta época de desinformación corrían de boca en boca sentenzas apócrifas de Oscar Wilde, un clásico das citas cuxa brillantez ninguén se atreve a poñer en cuestión, pero ao que a miúdo se lle imputa un feixe de aforismos descontrolados. Ou de Ambrose Bierce, outra autoridade do pensamento intelixente que en ocasións semella dicir máis polo que se lle atribúe que polo que realmente escribiu. O caso é que, a forza de repetírense, as palabras acaban por adherirse a un nome e xa ninguén cuestiona nada. Algúns políticos madrileños, para se daren lustre, son moi afeccionados a citar. Tanto lles vale Orwell como Chaves Nogales. Deben crer que así quedamos convencidos de que os teñen na mesiña de noite. E en Galicia, por suposto, non quedamos atrás. Aquí estamos afeitos á cita de Castelao ou Rosalía, e pouco importa que sexan certas ou non. O importante é que pensemos que as súas señorías os len coa mesma intensidade que empregan para invocalos.

En Galaxia, que están a reeditar os textos máis significativos da Xeración Nós, decidiron poñer na cuberta de Diario 1921 unha foto de Castelao moi novo, con aspecto de youtuber namorado de Mary Pickford, contradicindo esoutra imaxe súa tan divulgada en que levanta a man dereita durante un mitin en Montevideo. Unha idea estupenda: a viaxe que relata o rianxeiro no libro, tal e como ten sinalado o historiador Miguel Anxo Seixas, debeu ser o máis parecido á experiencia dun Erasmus. Os booktrailers viviron tempos mellores, pero non sei se tamén estaría ben empregar a tecnoloxía deepfake para que a editorial promocione as obras de Vicente Risco ou Florentino Cuevillas, por exemplo, cun vídeo en que aparezan os dous envoltos en túnicas orientais e fumando kif naquel piso que tiñan en Ourense para as súas prácticas ocultistas entre nubes psicotrópicas. A diferenza da falsa afección de Lola Flores por unha discutible cervexa, aquí estariamos sendo fieis á verdade histórica. Abofé que Oscar Wilde tería algo que dicir a iso. E, se non, pois xa o inventamos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Risco e Cuevillas fumando kif