«Memorias dun neno labrego», 60 anos dun «best seller»

FUGAS

Pinto & Chinto

O clásico de Neira Vilas segue a zumegar a esencia do que somos na historia do inesquecible Balbino

25 ene 2021 . Actualizado a las 11:55 h.

«Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre», este quizais sexa un dos comezos máis icónicos da literatura galega, do noso primeiro best seller, que coñece traducións a case vinte idiomas. Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, cumpriu 60 anos este xaneiro e, aínda que o noso rural dista moito daquel, segue a zumegar a historia do que fomos.

O escritor propúxose contar a vida dun rapaz de aldea nos anos corenta en Galicia. Podería ser a súa, pero non é unha novela autobiográfica, pois non protagonizou as historias de Balbino, pero si son propias a paisaxe, a carestía, as escasas posibilidades de estudo, as tradicións, o traballo arreo no campo, o retrato social... A novela escríbea unha década despois de chegar a Buenos Aires. Como tantos emigrantes, buscou alén mar un futuro mellor e para iso tivo que traballar vendendo teas ou como panadeiro. Nos últimos anos encargábase da contabilidade dunha casa importadora de madeiras e polas tardes apuraba os trámites para ter tempo de sentar nunha cafetería da rúa Cullén e escribir mentres arrefriaba un café que moitas veces nin probaba. O camareiro ourensán non perdía a oportunidade de outear mentres servía a Pepe e este, vendo a súa curiosidade, cando rematou a novela deulla a ler, incluso antes que á súa muller, Anisia. Despois leu aquelas follas soltas Dieste, quen sucumbiu ante a lograda psicoloxía do protagonista, e este pasoulla a Seoane que lle propuxo publicala en Citania, a editorial que fundara en Arxentina.

NOVO ÉXITO NO 2020

Para entón, Neira Vilas xa era un galeguista comprometido na quinta provincia e creara a librería Follas Novas coa intención de distribuír os libros galegos. Non só os vendían, senón que os expuñan en oito vitrinas das asociacións galegas para que estivesen visibles á colectividade en diferentes puntos da cidade e cada oito días mudaban os expositores. Amais da venda de libros, Follas Novas tamén publicaba algúns títulos e, sen dúbida, Memorias dun neno labrego foi o de máis éxito. O escritor non aceptara a invitación de Seoane de publicalo no seu selo, mais si a ilustración para a cuberta.

A historia de Balbino axiña alcanzou notoriedade entre a colectividade emigrante, non en van era a memoria de moitos dos galegos que cruzaran o Atlántico. Tamén chegou a Galicia, onde se distribuíu a través da Editorial Galaxia ata que se publicou en Ediciós do Castro. A día de hoxe converteuse nun clásico das nosas letras, mais tamén nun libro popular querido por milleiros de persoas.

Era o 5 de xaneiro de 1961, Memorias dun neno labrego chegaba como un agasallo temperán de Reis, así o recibimos dende entón, como unha alfaia dun tempo ido, como unha memoria sentimental de moitas xeracións de galegos. Trinta e cinco edicións despois, a novela de Neira Vilas segue a ser o poderoso relato dunha época, non exento de crítica social e dignidade, que mantén o sabor dunha lingua rica, que o escritor lonxe de esquecer na emigración ampliou, como sempre recordaba.

No 2020 foi un dos dez libros máis vendidos da Editorial Galaxia. Xa non podemos escoitar a Pepe contarnos con agarimo as súas vivencias, pero seguimos a prender na súa prosa e ese será sempre o seu éxito, ser un escritor do pobo.