Quilma asina un docto tratado de rock en nove cortes

FUGAS

CEDIDA

En ningún momento semella que este é un disco de debut, a primeira referencia discográfica do grupo da Illa de Arousa rebosa técnica, erudición e cultura musical

15 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En ningún momento semella que este é un disco de debut. É certo que é a primeira referencia discográfica do grupo da Illa de Arousa. Pero é que hai nos seus seis compoñentes máis técnica, erudición e cultura musical que no catálogo completo dalgúns selos.

En nove cancións, Quilma desenvolven un sublime doutorado ao redor do que foi a evolución do rock nas últimas cinco décadas. Empezando polo denostado hard rock, do que toman prestadas algunhas guitarras dobradas e algún fugaz punteo. Aínda que son as ruidosas e ásperas arquitecturas sonoras desenvolvidas no seu día por Sonic Youth as que soportan boa parte da andamiaxe deste disco. Non faltan tampouco constantes referencias ao stoner. O eco xordo de Queen of Stone Age atrona en moitas destas cancións. Con profundas, densas e pesadas guitarras que provocan un feroz contraste entre a luminosidade atlántica dalgunhas das súas letras e os ambientes envolventes e opresivos dos que emerxen. Incluso os pioneiros do punk americano asoman, acelerados, por cortes cheos de vertixe como o arrebatador Cinzas.

Pero se hai un xénero polo que se advirte unha especial querenza neste Punto de partida é o progresivo. Ou a súa variante máis cool e evolucionada, o postrock. Quilma amósanse uns auténticos mestres á hora de engarzar elementos destes estilos en propostas sonoras que soan infinitamente máis contemporáneas e complexas.

Aínda que só tres dos nove cortes do disco quedan nos tres minutos, o grupo evita os desenvolvementos interminables para centrarse na estrutura clásica da canción popular. Iso si, con momentos de épico e impagable in crescendo. Só atemperados spola oportuna participación dun cuarteto de cordas que enriquece, precisamente desafogando, algúns dos mellores momentos do disco, como Covarde ou Chavaliño.

O título do traballo, Punto de partida, non ten tanto que ver co instante dun inicio como co dunha vitoria. Este disco é un golpe gañador. O as que mata o tres. Se cadra o xeito definitivo de entender o rock. E enténdese dende Galicia.