Unha carta inédita da autora de «Los pazos de Ulloa»

ramón nicolás

FUGAS

cedida

08 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun sobre, coa caligrafía inequívoca de Ramón Otero Pedrayo onde escribiu nalgún momento «carta autógrafa de la sra. Pardo Bazán», custódiase unha tarxeta manuscrita da autora de Los pazos de Ulloa e depositado na actualidade nos fondos da Fundación Penzol, a quen agradezo a cesión deste documento.

O 28 de maio de 1904 falecía, con cincuenta e catro anos e na cidade de Ourense, o pai de Ramón Otero Pedrayo: Enrique Otero Sotelo. O doutor Otero, que no seu momento herdara o pazo e unhas fincas situadas en Trasalba onde naceu, foi un home culto e liberal, médico de profesión e tamén deputado provincial por un tempo. Ostentando precisamente ese cargo, defendeu publicamente a figura de Curros Enríquez fronte ao bispo Cesáreo cando a publicación de Aires da miña terra.

Emilia Pardo Bazán, ao que parece, non pode desprazarse a Ourense para participar nas honras fúnebres pero, aos poucos días, envía desde A Coruña, o 21 de xuño dese mesmo mes, unha pequena tarxeta postal dirixida á esposa do doutor: Eladia Pedrayo y Ansoar de Otero, tal e como consta no enderezo da mesma e que aquí tamén se exhuma.

amizade con otero pedrayo

As liñas desta breve misiva desvelan a relación de amizade que Pardo Bazán mantiña co médico ourensán e non esquece, alén de solidarizarse pola perda, manifestar un saúdo ao propio Ramón Otero Pedrayo, a quen confesa que coñeceu «ahí», polo que é doado deducir que Emilia Pardo Bazán visitou, nalgunha ocasión, a casa ourensá dos Otero, ou talvez Trasalba. Como se pode apreciar, o documento está danado no lugar destinado ao selo, que desapareceu levando cando si parte da fórmula de saúdo, mais conserva o texto da escritora coruñesa que se reproduce aquí:

(hasta) hoy no he podido manifestar a V. mi sentimiento por la pérdida que V. ha sufrido con el fallecimiento de su esposo y mi amigo muy estimado, el dr. Otero.

     Hágame el favor de manifestársela también a su hijo Ramón, á quien tuve el gusto de conocer ahí.

    Crea que tomo parte en su pena su afectuosísima amiga q. b. s. m.

     Emilia Pardo Bazán