Xosé Bocixa, vocalista de Zënzar: «Hai que seguir pensando e, polo tanto, molestando»

Carlos Crespo

FUGAS

Luna Lliro

A banda decana do rock galego publica agora «Benvidas ó futuro», un título que lle chisca o ollo ao primeiro

18 dic 2020 . Actualizado a las 11:38 h.

No 1997 Zënzar, que xa levaban unha década en activo, ían Disparados ó futuro. Así titularon o seu primeiro disco. A banda decana do rock galego publica agora Benvidas ó futuro, un título que lle chisca o ollo a aquel primeiro. «Porque para nós aquel futuro é o actual presente», explica Bocixa.

Benvidas ó futuro é un disco composto, gravado e deseñado por membros da banda. «É moi pouco artificial, moi semellante a como soamos en directo, que é o forte do grupo». Con cancións que falan de todo o que foi esta viaxe: das ilusións, das perdas e de todo o que conforma este presente que era o futuro de hai 33 anos».

—O futuro non era, logo, tan bonito como no lo pintaban?

—Nunca é tan bonito como no lo pintan. O futuro, ou sexa este presente, no individual pode estar ben ou non, pero globalmente non é nada bonito. E semella que a cousa non vai pintar nada ben nos vindeiros anos. Diso fala unha das cancións do disco, Todo se extingue.

—Nese tema esnaquizan o mito aquel de que os vellos roqueiros nunca morren?

—Efectivamente. Porque todo é moi caduco e todo acaba por rematar. E o rock and roll, aínda que sigue vivo, non está pasando polos seus mellores momentos. Son outros os estilos cara os que miran as novas xeracións.

—O trap, por exemplo. Hai quen di que é o punk do século XXI. Que lle parece?

—Se se refiren a que o trap arrasa entre a xente nova como arrasaba o punk na nosa xeración, pois pode ser. A min o que me da mágoa é que na miña época de mocidade, nos 80 e 90, dentro do comercial había moita diversidade. Podíamos escoitar rock duro, punk, pop, músicas do mundo, electrónica… Hoxe en día a globalización levou á uniformización. Ti pos calquera emisora comercial e podes estar horas escoitando un único ritmo. Iso non pasaba antes.

—Queda hoxe sitio para as bandas de rock and roll na escena musical galega?

—Por suposto. Hai moito público en Galicia ao que lle gusta o rock and roll. De feito demóstrase cando poñen a un grupo de rock aí arriba, nun escenario grande. Nós temos experiencias moi bonitas nestes últimos anos. No festival de Pardiñas, no Revenidas, no Armadiña Rock... E o público está aí. O que necesita o rock é espazos. Tanto salas de formatos pequenos, que nos encantan, como festivais. E non poñer aos grupos de rock galego na praza pequena ou no escenario de atrás. Ese segue a ser un erro que se está a cometer mesmo por parte das ideoloxías que din que apoian a nosa música e o noso idioma. Escena galega hai. E para o rock, tamén. O que se necesita é poñela en valor e facer disto, por que non dicilo, un negocio.

—Hai en determinados momentos deste disco un pouso de certa amargura, como consecuencia dun inconformismo que se cadra non deu os froitos agardados. «Esqueceunos montar unha revolución», lamenta en «Fomos o futuro».

—Intentamos que este fose un disco realista e reflexivo. Ese tema fala desta sociedade totalmente dirixida pola tecnoloxía e os grandes medios de comunicación. É certo que por desgracia non fixemos a revolución no seu momento e agora é moito máis complicado porque o ser humano é hoxe moito máis manipulable que daquela. Si, esa canción fala de certas utopías que non fixemos realidade…. Aínda.