Xosé A. Touriñán: «Eu nunca vou cambiar o acento, estou orgulloso de onde son e de onde veño»

FUGAS

ANGEL MANSO

É unha das persoas do ano, a que nos fixo escachar a rir en pleno confinamento. Agora triunfa en «El desorden que dejas». «Non son o tipo que a xente pensa, non son simpático comigo mesmo», di

17 dic 2020 . Actualizado a las 17:44 h.

É unha das persoas do ano. Xosé Touriñán, Touri, como lle chaman os colegas, remata un 2020 como un dos referentes que nos salvou literalmente a vida, xunto con Perdomo, naqueles días de confinamento co seu bo humor. Agora, a piques de poñer un pé no 2021, estrea El desorden que dejas, onde fai de Acevedo, un personaxe que o asemella a aquel fillo de Charlín que tan ben protagonizou en Fariña. Precisamente daquela serie xurdiu a obra de teatro, que agora está a representar en Madrid, onde o público volve responder co agarimo de sempre. «Ás veces penso que me valoran en exceso, é marabilloso», di Touri, que despois de aprazar tanto a vida, só ten ganas de bailar.

-Que aprendiches deste 2020?

-Mamaíña! Aprendín tantas cousas que me parecían normais e ás que non lle daba importancia e nos facían felices. Valoro o básico, os amigos, tomar un viño, poder charlar, poder bailar! Eu non son de bailar nada e xa me apetece bailar! Son máis de estar apoiado na barra, pero bailaría agora todo. Tamén aprendín a adaptarme, igual que todo o mundo.

-Adiaches algunha celebración persoal?

-Pois mira, cóntoche: eu cumprín o 16 de marzo, dous días despois de confinarnos, 40 anos. Sei que había algo especial, porque tiña ganas dunha festa grande, e era sorpresa. Por iso eu sempre digo que os 40 aínda non os cumprín, pero si a corentena [ri]. Eu entendo que, cando poidamos, esa sorpresa seguirá estando pendente.

-Logo non podes falar da crise dos 40, non entraches aínda!

-Non, entrei na crise mundial [ri], case notei máis os 39.

«Non son o tipo que a xente pensa, non son simpático comigo mesmo»

-Cando falei con Perdomo, el estaba nesa etapa estable de telos cumpridos, de «todo o vexo con relatividade». Ti?

-Eu agora disfrutei moito da casa, da familia, porque sempre andaba dun lado para outro; a min o que me cambiou realmente, dentro deste ano de merda, foi iso. Tiven tranquilidade, cambiei o ritmo de vida, pero agora xa volve estar un pouco todo no mesmo. Por iso non sei se aprendemos tanto, a ver se son capaz de levalo con calma.

-Hai psicólogos que din que o problema é que na casa moitos non se aturan a si mesmos. Como te levas ti contigo?

-A verdade é que son moi pesado, moi rosmón, cando se me cruza o cable quizais eu comigo mesmo son o que peor me caio. Non son o tipo que a xente pensa, coa imaxe de que estou todo o día 'ha, ha, ha'. Eu sempre digo que na casa debo aforrar toda esa comedia que logo boto fóra por aí adiante. Non son moi simpático comigo mesmo.

-Gústache á xente?

-Si, son social. Eu descubrín hai ben pouco o que era estar só. Porque sempre necesito grupo, amigos, familia, necesito xente, organizar cousas...

-Dicía hai pouco Paco León, o actor e director, que hai que saber parar os éxitos, se non, el seguiría facendo de Raquel Revuelta. Ti fas igual.

-Eu estou moi de acordo con Paco León, pero non sei se o sei xestionar, sáeme de maneira intuitiva. Hai que parar e deixalo no momento en que a xente te recorda. Non podes deixalo cando aburra, cando xa non lle pos paixón. Eses éxitos, eses personaxes cómente! Entón é bo parar e intentar arrancar outras cousas. Eu parei en Nucha e Mucha por unha decisión persoal, e tamén cando estaba en Land Rober. Esta profesión ten moitos camiños e tes que apostar por ti, o éxito real é estar aí toda a vida.

-Hai que retarse.

-Efectivamente, poñerte a ti mesmo en apertos. Volver medirte, eu guíome moito desas cousas: buscar camiños onde aínda non estiven para non esgotarme.

-Cando foi a última vez que estiveches nesa incomodidade ou inseguridade? Aínda que ti sempre saes ben.

-Non sei se saio ben, pero eu o que noto é que o público me ten cariño e ao mellor me valora en exceso. Eu levo uns anos facendo máis ficción, como en Fariña ou agora El desorden que dejas, cun personaxe nunha liña moi distinta ao que fago habitualmente. E o público está predisposto a verme. Iso é precioso.

-De súpeto, Touri é un personaxe que dá medo, como este Acevedo, ou Charlín. Fas agora dun chulo, que controla o submundo da vila.

-Trastornado, mala xente, quizais sexa peor este que Charlín, polo menos onde eu o tiña colocado, é un papel pequeno, pero foi un alegrón cando me chamaron.

-Na serie hai moitos actores de fóra que traballaron o noso acento. Marcáronte a ti algunha liña? Mudaches algo?

-A eles marcáronlles dar esa realidade, e eu tíñao máis fácil, claro. Eu estou de acordo con iso, o traballo que fixeron tanto Inma (Cuesta) como Arón (Piper) está moi ben, é moi difícil. Para min o acento galego sitúa e dálle carácter aos personaxes. Están nun lugar do mundo, que é Galicia, e ao igual que en Fariña, estas cores van ben. Antes neutralízabase todo. Agora fas Hierro e soa a Canarias, fas isto e soa a Galicia. Iso é bo.

-Cando chegaches a Madrid, vícheste reducido ao tópico do galego riquiño?

-Eu entendo que hai galegos que caen guay e outros non tanto. Pero a min a xente alí tratoume moi ben e eu nunca vou deixar o acento, porque estou moi orgulloso de ser de onde son e de onde veño. O problema témolo máis nós connosco. A xente de fóra ve que bonito é o galego, e nós aínda non sacamos peito de verdade, aínda non estamos orgullosos. E nós temos tantas, tantas cousas marabillosas aquí! Que o que temos que facer é que presumir.

«Unha das persoas que máis me fai rir é Perdomo»

-A ti quen che fai graza?

-Os máis grandes referentes son Carlos Blanco, Mofa e Befa, Marcos Pereiro, todos os compañeiros. E, claro, tamén foron un referente Martes y Trece. Para min aqueles especiais de Nadal eran o obxectivo do ano. Eu creo que me dedico a isto por culpa deles. Ou Gila, el Tricicle, Chiquito... Son moi fan da xente que fai rir, porque fai moita falta. Eu, por exemplo, ríome moi pouco e valoro un montón cando te sorprenden e ris.

-A parella con Perdomo foi brutal.

-Si, para min é o outro dos referentes. Unha das persoas que máis me fai rir, e está demostrado, é Perdomo. É un xenio. Canto nos rimos no confinamento! Aquilo era vida! Flipamos coa xente e co formato, algo que nunca pasara.

-Descubriches un mundo de filtros...

-Que marabilla! Eu que non fixera un directo nunca. Agora falamos de que talvez en Nadal, nestes días, podemos dar unha sorpresa. Un especial de Noiteboa ou Fin de Ano, a ver.

-Non digo que Carral sexa Macondo, pero algo mítico hai aí para facer humor.

-Eu creo que a base de onde saco todo, sen querelo e sen sabelo, por suposto está aí. As nosas referencias, ademais deses que falamos, están na cercanía. Realmente a base do humor que fago eu é a proximidade, a maioría dos personaxes que fixen, e que a xente quere tanto, é por iso. Todos temos a alguén igual: unha tía parecida a Mucha, ou ao portugués João Simões, Loliña, Cacana, Javi, Eduardo... Iso é común. Falan en galego, e ao ter o noso sistema, ter o noso xeito, cremos que é noso. Todos temos referencias na aldea, por iso poño en valor o rural.